O Celta viaxa a Mallorca sen Aspas na súa dianteira

Partido importante para os celestes. Os de Vigo non gañan en Son Moix desde 2004 e a última vitoria diante o Mallorca foi en Vigo no 2006.
O RC Celta adestrou esta semana malia a climatoloxía adversa (RC Celta)
photo_camera O RC Celta adestrou esta semana malia a climatoloxía adversa (RC Celta)

O RC Celta de Vigo perdeu para esta sexta feira a súa principal referencia ofensiva coa baixa de Iago Aspas no encontro que disputarán os celestes diante o Mallorca (21 horas, estadio de Son Moix).

O moañés levou un cartón amarelo tras a celebración do seu gol diante do Valencia a pasada fin de semana e, após esta acción, o xogador pedía tamén o cambio por molestias no adutor dereito, unha circunstancia que temeu pola súa continuidade en vindeiros partidos.

Fontes do club sinalaron con posterioridade que a molestia non foi a máis e podería estar mesmo na segunda rolda da Copa do Rei, na que os de Eduardo Coudet viaxarán até Andorra o 14 de decembro.

Porén, se o adestrador celeste considerase arriscada a súa volta para ese partido, a súa reaparición sería a sexta 17 en  Balaídos diante do Espanyol. Aínda así, o goleador celtiña deberá cumprir hoxe a sanción de un partido polo quinto cartón amarelo que recibiu en Vigo. 

As opcións atacantes de Coudet para acompañar a Santi Mina quedarían na posíbel recuperación do brasileiro Thiago Galhardo, lesionado na primeira ronda da Copa do Rei, e tamén na participación de Brais Méndez como segundo dianteiro celeste en Mallorca.

Un rival modesto, mais complicado para o Celta

Ambos os equipos chegarán ao encontro situados na zona media da clasificación. Por diante está o conxunto vermello na décimo segunda posición con 19 puntos mentres que os celestes están situados na praza 14 con 16 puntos. 

Malia ser un equipo modesto sen demasiado historial en Primeira División, o Mallorca nunca foi un rival doado para os celestes. Proba disto é que o Celta non gaña ao Mallorca desde marzo de 2006 e os últimos seis duelos entre ambos os equipos saldáronse con tres empates e tres derrotas celestes, a última por 5-1. 

Mudar a mentalidade 

Para os vigueses será unha auténtica proba despois da derrota en Balaídos da pasada fin de semana. O técnico celeste admitía en rolda de prensa que non lle gustara nada "a maneira en que nos levan os puntos".

Por este motivo pedía ao equipo "un cambio de mentalidade" de cara os vindeiros encontros. Coudet asegurou que "podemos dar máis e debemos dar máis".

Comentarios