O Celta trasládase a Mos e despídese da Madroa despois de tres décadas

A 'Cidade Deportiva Afouteza' será inaugurada esta sexta feira
A familia celeste é optimista ante a posibilidade de lograr derrotar o Fútbol Club Barcelona (Foto: RC Celta).
photo_camera Nolito, na nova instalación (Foto: RC Celta).

O primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo estreou durante a xornada de hoxe as instalacións da nova cidade deportiva que a entidade está a construír no Concello de Mos, dicindo así adeus para sempre ás instalacións da Madroa, onde se adestrou durante os últimos 30 anos.

Ademais, o conxunto celeste comunicou que a nova infraestrutura pasará a ser coñecida de agora en diante como 'Cidade Deportiva Afouteza', denominación escollida logo dunha enquisa desenvolvida entre os seareiros e seareiras e na que tomaron parte "máis de 15.000 persoas", segundo fontes oficiais, que tamén afirmaron que "cando as condicións sanitarias o permitan", desenvolveranse unha serie de visitas guiadas polo interior das instalacións.  

A pandemia tamén condiciona o acto inaugural desta Cidade Deportiva Afouteza, que será mañá sábado ás 12 horas, e no que estarán presentes un número moi reducido de persoas

Entre elas participarán, en representación da afección, o socio máis antigo do club e o presidente da Federación de Peñas Celtistas, José Méndez.

Inmediatamente despois terá lugar un partido entre os xuvenís da categoría de División de Honra do propio Celta e do Real Club Deportivo da Coruña.

Adeus a un pedazo de historia celeste

Esta mudanza a Mos supón dicir adeus a un pedazo de historia celeste, que comezou aló polo verán do afastado ano 1990, onde nun Celta que penaba pola Segunda División destacaban xogadores como Maté, Atilano, Nacho, un novísimo Xurxo Otero, Fabiano ou Vicente.

Por alí pasaron nestas tres décadas estrelas do calibre de Karpin, Mostovoi, Mazinho, Cáceres ou Iago Aspas, quen desde o seu Instagram lembrou "os grandes momentos vividos e gozados" na Madroa.  

Comentarios