Unha xenialidade do punta de Moaña sela o empate en Xixón

O Celta ten Iago Aspas

Unha obra de arte de Iago Aspas deulle o empate ao Celta en XIxón (1-1). O gol foi recibido con particular alivio na Coruña, pois arrebata dous pontos que poden ser vitais a un rival directo na loita por eludir o descenso.

Celta Barça Iago Aspas
photo_camera Aspas festexa un gol

Que o xogo está atrapallado? Que non se acenden as luces? Que hai escuridade? Non pasa nada. O Celta ten Iago Aspas. E Iago Aspas está neste momento en estado de graza, o mellor momento sen dúbida da súa carreira. Aos seus 29 anos, Aspas leva 13 goles no que vai de campionato, unha cifra ao alcance só dos elixidos, mais é moito máis que un goleador. É un deses futbolistas que ven o que os demais non ven. Por exemplo, no gol que lle deu ao Celta o empate en Xixón. Nunha falta directa, el viu un corredor onde non había nada, un corredor que abeirou a barreira, un corredor que a pelota percorreu ora con dureza (ese toque seco) ora con suavidade (a bola no ponto exacto). O porteiro nen se moveu. Unha obra de arte.

En realidade, houbo dous partidos nun. Antes e despois de Iago Aspas. Antes do seu aparecimento sobre o campo, o Sporting desbaldiu músculo sobre a pradeira, cun futebolista por bandeira, Burgui, pura potencia desatada, unha forza da natureza a amartelar as bandas da equipa viguesa. Esa parte do xogo viu un Celta algo deslocido, normal, por outra banda, nunha equipa desgastada polo tremendo esforzo do choque europeu contra o Shakhta. A equipa galega apenas fiou xogo e apenas viu porta, fronte a un Sporting moi enchufado e con consciencia de que puña en xogo dous pontos vitais (os que lle terían permitido cazar o Deportivo na táboa).

Todo mudou no minuto 59. Apareceu Aspas (ficara de inicio no banco dos suplentes para se recuperar da malleira física do choque da Europe League) e de súpeto ocorreron cousas. Ningunha boa para o Sporting. A expulsión de Meré, por cartón vermello directo ao derrubar Bongonda. E o gol na falta subseguinte (m. 74). Un gol propio dun ourive, propio dun futebolista singular, dotado dunha imaxinación desbordante.

Ese gol, escuso dicelo, foi coreado en Vigo, mais tamén na Coruña. Foi un gol pangalaico. Freaba o Sporting. Deixaba a equipa asturiana con 17 pontos, a 2 do Deportivo. Ese gol achega o Celta ás posicións de arriba (tendo en conta, alén do máis, o partido pendente de xogar contra o Real Madrid). Un gol que desequilibrou o Sporting e que abriu un mini-partido de cuase 20 minutos en que o Celta abeirou a vitoria, un chisco enleado nos metros finais. Si, soubo a pouco o empate. Talvez Iago debía ter saído un bocadiño antes ao campo. Mais Berizzo, probabelmente con bon criterio, ten na cabeza que a equipa está viva aínda en dúas competicións e que é ben dosificar o seu recurso humano máis preciado.

Sporting de Gijón: Cuéllar, Douglas, Meré, Amorebieta, Canella, Sergio Álvarez, Vesga, Carmona (Lillo, min.78), Burgui (Xavi Torres, min.72), Moi Gómez e Traoré (Cop, min.85).

RC Celta: Rubén, Roncaglia, Sergi Gómez, Fontás (Pablo Hernández, min.69), Planas, Marcelo Díaz, Radoja, Jozabed (Iago Aspas, min.59), Señé, Bongonda e Rossi (Beauvue, min.78).

Goles: 1-0, min.47: Moi Gómez, de penalti; 1-1, min.75: Iago Aspas.

Árbitro: De Burgos Bengoetxea, do comité vasco. Expulsou con vermella directa Meré. Amonestou Fontás, Marcelo Díaz, Roncaglia, Beauvue, Amorebieta.

Comentarios