O Celta ten difícil centrarse no fútbol esta xornada

A sombra de Santi Mina sobrevoa un equipo virtual, mais non matematicamente salvado.
Thiago Galhardo ocupara o posto do '21' vigués, titular en 30 dos 34 partidos de Liga disputados até o momento, na punta do ataque. (Foto: La Liga).
photo_camera Thiago Galhardo ocupara o posto do '21' vigués, titular en 30 dos 34 partidos de Liga disputados até o momento, na punta do ataque. (Foto: La Liga).

Os xornalistas deportivos acostumamos a apuntalar esa máxica industria do fume que é o fútbol acompañándoa de frases rimbombantes, dunha épica tan máxica como artificial non poucas veces fomentada polos seus propios protagonistas e que representa, mellor que ningunha outra, a frase do lendario técnico do Liverpool (1959-74) Bill Shankly cando dixo iso de que "algúns cren que o fútbol é só unha cuestión de vida ou morte, pero é algo moito máis importante que iso".

Nada máis lonxe da realidade. O fútbol forma unha parte non pequena, en ocasións xigantesca, das vidas de moitas persoas -incluído quen subscribe estas liñas-, pero cousas como a condena por abuso sexual ao dianteiro do Celta Santi Mina demostran o equivocado que estaba Shankly.

Demóstrao que en Vigo non se fale de por que táctica optará o Chacho Coudet para tratar de fechar definitivamente hoxe ante o Alavés (Balaídos, 18.30 horas) unha permanencia na Primeira División que é virtual, mais aínda non matemática. Nin sequera de quen ocupará o posto do '21' na punta do ataque, apartado do equipo pola directiva, máis todo apunta a que será o brasileiro Thiago Galhardo. Con el formaría dupla atacante Iago Aspas, escoltados no medio do campo por Franco Cervi, Brais Méndez, Fran Beltrán e Renato Tapia, fechando a parcela defensiva Javi Galán, Néstor Araújo, Joseph Aidoo e Kevin Vázquez, con Matías Dituro na portería.

Cuestionados pola situación arredor de Santi Mina, os seus compañeiros preferiron pórse de perfil. Brais, en rolda de prensa, afirmou: "Deixareino claro, só falarei de asuntos deportivos, ese é un tema do que non vou falar". Pola súa parte, Iago Aspas, a un medio madrileño [El Larguero], recoñeceu que non falara co dianteiro, engadindo que tanto el como os seus compañeiros querían "centrarse no deportivo" e "manterse á marxe". "Para o lado que te poñas, non vas ir ben nunca", apostilou.

O Lugo quere festa en Ibiza

Na Segunda División, o partido do Club Deportivo Lugo tamén garda relación cos feitos protagonizados por Santi Mina, pois hoxe ás 21 horas visita o campo do Ibiza, equipo no que milita David Goldar, defensa central que estaba co xogador do Celta no momento duns feitos polos que el resultou absolto, aínda que a acusación o considerara "cooperador necesario".

Non rematan aquí as conexións entre os dous conxuntos galegos da elite, pois a escuadra albivermella afronta este partido correspondente á xornada 39 practicamente salvado, mais un desastre nas últimas catro xornadas podería levala á terceira categoría, polo que un triunfo permitiríalle "fechar un gran ano con tranquilidade", como recoñeceu antes do choque o adestrador lucense, Rubén Albés.

O Dépor gaña sen sequera montar no autobús

Precisamente desa categoría na que nin en broma queren caer os da cidade da Muralla pretenden fuxir Deportivo da Coruña, Rácing de Ferrol e Celta B.

O primeiro suma tres puntos esta fin de semana sen sequera baixar do autobús, pois tiña que xogar ante o desaparecido Estremadura Unión Deportivo e, xa que logo, gaña automaticamente por 2-0, segundo ditaminou a Federación Española de Fútbol.

Con respecto aos Diaños Verdes, estes aspiran a desbancar os branquiazuis do segundo posto ligueiro, que teñen a tres puntos cando quedan 12 por disputar, meta que pasa por lograr o seu oitavo triunfo nos últimos 10 partidos ante un bo equipo como é Unionistas (hoxe, 19 horas).

Por último, o filial celeste será o único conxunto galego que xogue no día de mañá, concretamente ás 12 horas ante a Cultural Leonesa.

Comentarios