O Celta retén un punto contra a adversidade

Empata co Espanyol (2-2) malia xogar cun home menos toda a segunda metade. Os galegos dominaron mais os cataláns tiraron proveito da súa efectividade.

celta espanyol
photo_camera Imaxe: RC Celta

O Celta saíu a polos tres puntos, consciente da importancia de gañar este encontro en Balaídos para revalidar aspiracións a prazas europeas, e acabou con só un. Eis o vaso medio baleiro. O Celta xogou toda a segunda metade do partido con 10 homes, após a rigorosa expulsión de Fontás, e nunca perdeu a cara fronte á portería contraria ao tempo que evitaba que o contrario marcase. O vaso medio cheo.

A primeira metade deixou catro goles, unha expulsión e un partido no que o Celta dominou e despregou un bo xogo, con posesión da pelota e ideas claras sobre o que quería facer. Con todas esas bazas, porén, os celestes non foron quen de marchar para a caseta por diante, por máis que por dúas veces se adiantasen no marcador. O Espanyol foi un exemplo de efectividade: dous ataques, dous goles.

Na segunda metade os cataláns apostaron por subir unha miguiña a intensidade, conscienets de que tiña por diante 45 minutos con vantaxe numérica sobre os celestes. Mais o Celta non amosou nin medio nin nervios. Tamén na segunda parte tivo o control do partido e as ocasións máis claras. Non xogou para manter un punto senón para conquistar os tres. Desta volta non foi posíbel.

Ficha técnica

Celta (2): Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja (Pape, min.88), Wass, Iago Aspas, Sisto (Jozabed, min.78), Guidetti (Sergi Gómez, min.46).

 Espanyol (2): Diego López, M. Navarro (Javi López, min.15), Ó. Duarte, D. Reyes, Aarón, Fuego (Jurado, min.54), David López, Piatti (Reyes, min.85), Hernán, Gerard, Caicedo.

 Goles: Iago Aspas, 1-0, min.21; Gerard, 1-1, min.28; Wass, 2-1, min.30; Piatti, 2-2, min.32.

 Árbitro: Jaime Latre, do comité aragonés. Amoestou aGuidetti, Marcelo Díaz e expulsou Fontàs con duplo cartón amarelo no minuto 43 (Celta); Hernán Pérez e Gerard (Espanyol).

 Campo: Balaídos, 11.526 espectadores.

Comentarios