O Celta son Iago Aspas e dez máis

A principios de tempada había quen dicía que o mellor Iago Aspas xa quedara atrás, pero con traballo e goles o dianteiro de 34 anos está confirmando partido a partido que o Celta ten astro para longo tempo. A súa última exhibición foi na casa do Betis, terceiro clasificado, ao que sentenciou con dous goles, un deles estratosférico.
As oportunidades de vitoria celeste pasan, un ano máis, polas botas dun Iago Aspas en estado de graza. (Foto: RC Celta).
photo_camera O '10' celeste xa é, precisamente con 10 goles, o terceiro máximo goleador da competición. (Foto: RC Celta).

O choque entre Betis e Celta tiña todos os ingredientes para acabar mal para os intereses celestes. A Covid-19 fixo estragos entre o cadro de persoal, e desde o club decidiron xogar ao despiste ocultando a convocatoria até os intres previos ao comezo dun partido para o que fixo enormes esforzos co obxectivo de poder disputalo un Kevin Vázquez que acurtou os prazos de recuperación da súa lesión muscular, pero un desafortunado problema estomacal de última hora impediu a súa presencia no once inicial.

Desesperado, o técnico olívico, Eduardo 'Chacho' Coudet configurou unha defensa inédita para intentar frear o poderío ofensivo do terceiro clasificado e segundo máximo goleador da Liga con un central exercendo de lateral dereito -Aidoo-, un mediocentro como central -Okay-, un canteirán que tan só levaba 92 minutos disputados -Carlos Domínguez- e o lateral esquerdo Javi Galán como única peza habitual nos esquemas do preparador arxentino.

Contra todo prognóstico, o experimento funcionou, o que unido ao soberbio traballo duns homes xa máis habituais nos seus esquemas na defensa e no ataque -Beltrán, Denis, Cervi e Brais no medio do campo e Santi Mina e Iago Aspas na punta do ataque- conduciu a un contundente triunfo por 0-2 na casa dun aspirante a meterse na Champions.

Ademais do labor de Aspas, autor de ambos os tantos -o primeiro desde a fortuna dos doce pasos e o segundo materializado logo dunha xogada individual de sacar o sombreiro-, o Chacho destacou a "actitude" e o compromiso" dun bloque que aspira a seguir medrando na segunda volta da competición.

O Lugo revalida o seu título de rei do empate

Xa na categoría de prata, o único representante galego volveu asinar unhas táboas, e xa van 12 en 21 partidos, o que fai do Club Deportivo Lugo o indiscutíbel rei do empate na Segunda División.

Nesta ocasión foi ante un bo equipo -e máis na súa casa- como é o Sporting de Xixón (1-1), e co mérito engadido de facelo cun home menos que o seu rival.

Porén, a realidade é que nunha competición que reparte tres puntos por vitoria sumar de un en un acaba por penalizar na clasificación, polo que a escuadra albivermella está só un posto por enriba do descenso. 

Comentarios