O Celta, rumbo a Europa na 'Chachoneta'

Hai un mes o Celta era o fechacancelas e ninguén daba un peso pola resurrección dun equipo que, se algo destilaba, era tristura. Mais o arxentino Eduardo Coudet foi quen de transmitir aos Denis, Brais e compañía o seu carácter gañador para pasar en tempo récord do descenso ás portas de Europa e subir toda a afección á 'Chachoneta'.
Ante o Alavés o Celta sumou, por primeira vez desde 2014, catro triunfos seguidos na Liga. (Foto: La Liga)
photo_camera Ante o Alavés o Celta sumou, por primeira vez desde 2014, catro triunfos seguidos na Liga. (Foto: La Liga)

As máis acérrimas seguidoras celestes que usen Twitter saberán que calquera das publicacións do perfil oficial do clube están ateigadas de comentarios de seareiras do Internacional de Porto Alegre, despechadas polo "roubo", como elas din, do "seu" Chacho Coudet. Razóns teñen para estar molestas, pois cando o arxentino abandonou precipitadamente os colorados para recalar na Galiza estes eran líderes no Brasileirão e hoxe ocupan a cuarta praza a nove puntos do líder. 

Agora é en Vigo onde gozan da maxia dun adestrador que é quen de facer que un mesmo conxunto sexa un bloque de formigón na defensa, encaixando tan só un gol en cinco partidos, e ao mesmo tempo unha máquina ofensiva capaz de anotar 16 tantos no mesmo período. Fútbol total versión século XXI.

O último equipo que viu como lle pasaba por enriba a 'Chachoneta' -alcume co que se coñece o fenómeno Coudet- foi o Alavés dos galegos Joselu, Lúcas e Jota, que caeron por 2-0 nun encontro no que o técnico celeste sorprendeu situando a Brais Méndez na posición de dianteiro para cubrir a baixa por lesión de Santi Mina, e o de Mos non defraudou, anotando dous tantos.

Logo deste triunfo, o cuarto consecutivo na Liga -algo que o Celta consegue por primeira vez desde o ano 2014-, a escuadra viguesa sitúase oitava e a tan só dous postos de Europa, aos que podería acceder de gañar mañá ao Getafe.   

Doloroso tropezo do Lugo

O Clube Deportivo Lugo despediu o ano 2020 cunha derrota das que fan dano, pois volveu caer ante un equipo da zona baixa da táboa como é un Real Zaragoza que estaba afundido na penúltima posición (1-0) cando, de gañar, quedaría ás portas das prazas de play-off.

 Para o preparador albivermello, Mehdi Nafti, detrás da inesperada derrota poden estar os "esforzos acumulados", e agarda que os seus pupilos "regresen coas pilas cargadas" en 2021, despois da pequena parada que inicia agora a categoría de prata.

O Dépor gaña un Teresa Herrera intranscendente

Coa Segunda B xa de vacacións, o Dépor participou na LXXV edición do Trofeo Teresa Herrera. Lonxe dos fastos do 50 aniversario, esta non pasou de ser unha pachanga contra un combinado de xogadores afeccionados da Coruña na que, loxicamente, gañaron sen maiores dificultades. (6-0).  

Comentarios