DOUS GOLES DE ASPAS E UN DE “TUCU” HERNáNDEZ

O Celta remonta o partido e vence en Anoeta (2-3)

Até en dúas ocasións remontou o Celta un partido que parecía perdido fronte á Real Sociedade. Dous goles de Aspas e un golazo de Pablo Hernández servíronlle aos de Vigo para traer para a casa os tres puntos e para rachar coa xeira negativa de resultados en Anoeta.

[Imaxe: RCCV] Berizzo volveu contar co "Tucu" Hernández
photo_camera O "Tucu" Hernández nun partido

Aínda que o Celta dominou o balón nos primeiros minutos do encontro, cando o marcador daba conta dos 11 minutos, Aguirretxe recibiu o esférico desde a esquerda e meteuno cun testarazo na rede de Sergio. O empate non tardou en chegar. No minuto 15, a sorte púxose do lado do equipo de Berizzo e provocou o gol do Celta ao desviar Aspas a dentro da rede un remate de Radoja.

Aguirretxe volveu adiantar o partido para os locais no minuto 36 logo dunha arrancada de Yuri. O Celta marchaba para os vestiarios abafado pola efectividade da Real. Porén, aos 10 minutos da segunda parte, Iago Aspas marcou de cabeza o segundo gol do Celta logo dun gran centro de Wass. Logo do gol do Celta, os de Vigo dispuxeron de máis ocasións por parte de Nolito, que onte non tivo o día, de Aspas e de Guidetti.

Cando quedaban dous minutos para os 90 de partido, o “Tucu” Hernández, cuestionado por parte da afección de Vigo, marcou o tanto da noite. Foi un golazo espectacular que lanzou desde os 20 metros. Con este tanto, o Celta trouxo para a casa unha importante vitoria que o sitúa, momentaneamente, no posto terceiro da Liga, só detrás de Madrid e Barça.

Real Sociedad: Rulli, Mikel, Illarra, M.Bergara, Iñigo, Agirretxe (Jonathas min.84), X. Prieto, Carlos Vela, Zurutuza (Bruma, min.56), Yuri e Zaldua.

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás, Jonny, Radoja, Wass, Pablo Hernández, Orellana (Madinda, min.90), Nolito (Planas, min.92) e Iago Aspas (Guidetti, min.82).

Goles: 1-0, min.11: Aguirretxe; 1-1, min.16: Iago Aspas; 2-1, min.36: Aguirretxe; 2-2, min.55: Iago Aspas; 2-3, min.88: Pablo Hernández.

Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Amoestou Radoja, Pablo Hernández, Jonny, Zaldúa e Illarramendi.

 

Comentarios