O Celta remonta, mantén a fe en Europa e alivia o Dépor

Derrotou As Palmas en Balaídos (2-1) nun encontro que empezou perdendo e que cambiou de sino coa entrada do canteirán Brais Méndez.

celta
photo_camera Imaxe: RC Celta

O Celta continúa a meter fichas para Europa, unha cita que non quere deixar pasar. Caeu fronte rivais directos por esas prazas mais mantén a fe ea esperanza, non sempre acompañada de bo xogo mais o que conta é meter os tres puntos no peto. Foi o que fixo esta segunda feira na casa fronte ás Palmas. Un partido inzado de imprecisións por ambas as dúas equipas, que por momentos parecían competir en quen cometía máis imprecisións.

O gol de Erik para os canarios –bisneto do primeiro que marcou en 1928 no estadio vigués- deixou pampo o Celta, que quizás non esperaba ese escenario. Tiña 30 minutos por diante para remontar e por veces semellaba os celestes ser unha combinación de crer e non crer. Empatou axiña mais víase apresurado pola necesidade de vitoria. Máis de 30 centros á área rival demostran a teimosía coa que o Celta se centrou en marcar. Mais a inmensa maioría dos mesmos ficaron sen conectar sequer cun rematador.

A entrada do canteirán Brais Méndez cambiou as tornas. Foi outro Celta, seguindo vertical mais con maior calma e control. Tamén axudou a saída ao campo de Pione Sisto, que quixo reivindicarse e puxo, como di o himno, “afouteza e corazón”.

A falla de dous minutos para o asubío final, Un control e pase de Aspas a Tucu Hernández acababa en gol e remontada.

O Celta gaña e mantén a súa aposta en Europa ao tempo que alivia a situación do outro equipo galego en Primeira, o Dépor, que mantén a tiro a un dos rivais para evitar o descenso. A fenda de puntos entre celestes e branquiazuis é de 19, nunca fora tan ampla na máxima categoría.

Ficha técnica:

Celta (2): Rubén, Hugo Mallo, Roncaglia, Sergi Gómez, Jonny, Lobotka, Radoja (Brais, min.59), Tucu Hernández, Iago Aspas, Maxi Gómez (Boyé, min.92), Emre Mor (Sisto, min.74).

As Palmas (1): Chichizola, Míchel, Ximo Navarro, Gálvez, Aguirregaray, Vicente, Etebo, Halilovic (Toledo, min.84), Aquilani (Nacho Gil, min.69), Tana, Erik.

Goles: Erik (0-1, min.59); Jonny (1-1, min.62); Tucu Hernández (2-1, min.88).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea, do comité vasco. Amoestou Lobotka (Celta); Aquilani, Ximo Navarro (As Palmas).

Campo: Balaídos (11.276 espectadores).

Comentarios