O Celta remonta 2 goles e aloumiña a vitoria contra o Betis (3-3)

Maxi Gómez acudiu ao rescate celeste nun partido cunha segunda metade de infarto até o último segundo.

celta

O Celta logrou extraer no Benito Villamarín un empate (3-3) e un punto, un resultado que até o minuto 62 do partido sería auga no deserto para os celestes mais que no 84 sabíalles a ben pouco. Foi un partido tolo, con goles, con ocasións e por momentos a un ritmo de vertixe. Un suspense que se mantivo até o final, pois até o derradeiro segundo tanto béticos como celtistas (Iago Aspas) estiveron a piques de desfacer o empate a favor das súas respectivas equipas.

Saíu a equipa galega disposta a borrar o mal sabor de boca dos últimos encontros ligueiros. Con presión alta e tentando ter posesión e dominio da bola. Enfronte, un Betis necesitado que quería que este partido na súa casa servise para deixar atrás a mala racha. Mais no fútbol, como na vida, os plans non sempre van segundo o previsto. Así, un gol anulado no minuto 31 a Okay e que daría vantaxe ao Celta foi seguido pola xogada do tanto andaluz, que aproveitou unha defensa que andaba nas verzas para adiantarse no marcador.

O Celta non quería deixar marchar o partido, Antonio Mohamed (que acabaría expulsado) variou o esquema sobre o campo e pasou a un 3-5-2: dominio do balón e intención ofensiva. Nun principio, non serviu, o Betis metía o segundo ao pouco de se iniciar a segunda parte.

Mais cando todo apontaba a unha tarde de naufraxio para os celestes saltou ao campo Maxi Gómez. Acababa de recurtar distancias Junior para o Celta (2-1). Dous minutos despois marcaba o charrúa (2-2), un gol que tivo o prodixio de desorientar o Betis, que comezou a dubidar. Sen recuperar do gol os sevillanos, o canteirán  Brais Méndez marcaba para o Celta o gol que adiantaba os vigueses (2-3) Sorpresa total no Benito Villamarín, que vía fuxir 3 puntos. Mais aínda non acabara todo: a piques de rematar o encontro empataban os verdibrancos cun tanto de Canales. E xa sobre o asubío final, Aspas estivo a piques de dar a vitoria ao celta cun tiro á trabe.

Ficha técnica

Betis (3): Pau López, Francis (Joaquin, min.80), Mandi, Bartra, Sidnei, Junior; Willliam, Guardado, Lo Celso, Canales e Loren (Sanabria, min.80).

Celta (3): Sergio; Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Juncá; Beltrán, Okay, Brais Méndez (Araujo, min.89); Emre Mor (Maxi Gómez, min.61), Boufal (Hjulsager, min.46) e Aspas

Goles: 1-0, min.33: Loren; 2-0, min.53: Junior; 2-1, min.63: Maxi Gómez; 2-2, min.69: Brais; 2-3, min.84: Maxi Gómez; 3-3, min.87: Canales.

Árbitro; Estrada Fernández, do comité catalán. Amoestou Juncá, Okay, Junior. Canales, Mandi. Expulsou Antonio Mohamed.

Campo: Benito Villamarín.

Comentarios