Celta, Rácing e Victoria, ao asalto copeiro

Sen case tempo para descansar logo dunha intensa xornada ligueira onde o Celta foi o único equipo galego das tres principais categorías capaz de facerse cos tres puntos, as escuadras do país afrontan unha nova edición do torneo do KO conscientes de que calquera tropezo será dicir adeus, pois este dispútase a partido único.
O Victoria coruñés tratará desde as 19 horas de eliminar o Vilarreal, vixente campión da Europa League. (Foto: Victoria CF).
photo_camera O Victoria coruñés tratará desde as 19 horas de eliminar o Vilarreal, vixente campión da Europa League. (Foto: Victoria CF).

A fase final da Copa de fútbol arranca esta terza feira para tres dos sete representantes do país: Celta de Vigo, Rácing de Ferrol e Victoria Club de Fútbol, aos que seguirán entre a cuarta e a quinta Club Deportivo Lugo, Real Club Deportivo da Coruña, Bergantiños e Arenteiro. 

Programada a partido único até as semifinais, o formato escollido abre a posibilidade de que se produzan sorpresas como a que o Victoria coruñés, que milita na Preferente, quere protagonizar ante nin máis nin menos que o vixente campión da Europa League, o Vilarreal, ás 19 horas no escenario de excepción que para o modesto conxunto herculino supón o estadio de Riazor.

Dúas horas máis tarde será a quenda do Celta e do Rácing de Ferrol. Os vigueses -que formarán de inicio cos habituais suplentes na competición ligueira- visitan a casa dun Ebro aragonés que, a pesar de militar na Segunda RFEF, como no caso do Victoria terá a recompensa de xogar nun gran campo como é A Romareda de Zaragoza.

Finalmente, os Diaños Verdes do Rácing de Ferrol terán que afrontar un compromiso de altura ante o Albacete no Carlos Belmonte, pois o Queixo mecánico, recentemente descendido á Primeira RFEF, vén demostrando na categoría de bronce a súa solidez e por que está considerado como un dos grandes favoritos para regresar á Segunda División.

Fin á xeira celeste de catro partidos sen gañar

A pesar da boa sensación deixada en varios deses partidos, que incluíron empates ante grandes como Barcelona e Vilarreal, a realidade é que o Celta de Vigo acumulaba catro xogos sen gañar e volvía achegarse á zona baixa da táboa.

Afortunadamente, e nun encontro moi condicionado pola neve, gañou o Alavés (1-2) en Vitoria e agora encara con optimismo o mes de decembro.

O Lugo non é quen de superar o fechacancelas

Desafortunadamente, o único representante do país na Segunda, o Lugo, non puido superar Alcorcón (1-1), fechacancelas da categoría e incapaz de gañar máis de dous partido até o momento.

Nin un só triunfo galego na Primeira RFEF

Non mellor sorte correron Deportivo -empate a un co Bilbao Athletic-; Celta B -mesmo resultado co Estremadura-; e Rácing,  derrotado polo Sanse madrileño (1-0).

Comentarios