O Celta aspira a rachar para sempre coa 'Aspasdependencia'

A escuadra celeste aspira a gañar o seu primeiro partido en dous anos sen o de Moaña. Tamén o Lugo ten que sumar os tres puntos para non descolgarse de todo dos postos de 'play-off'. E, pola súa banda, na Segunda B, Dépor-Rácing e Compos-Pontevedra protagonizan un duplo derbi galego cheo de necesidades. 
1348
photo_camera A influencia do '10' nos resultados é de tal calibre que sen el sobre o céspede o equipo tan só sumou dous puntos de 30 posíbeis. (Foto: RC Celta).

Eduardo 'Chacho' Coudet´é un técnico ambicioso que, aínda recoñecendo que "a permanencia é o obxectivo número 1", non renuncia a pelexar por entrar en Europa, pois, como el mesmo di, está "acostumado a pelexar por cousas importantes".

O pésimo inicio de tempada celeste lastra as posibilidades do equipo para conseguir situarse entre os seis primeiros clasificados, e por iso desde hai varias semanas cada partido é unha final, e o que disputará mañá ás 18.30 ante o Valencia en Mestalla non vai ser unha excepción.

Para superar o irregular conxunto ché, inmerso nunha fonda crise deportiva e institucional, non poderá contar co mancado Emre Mor nin cos sancionados Brais Méndez e Iago Aspas, os dous máximos goleadores do equipo. Especialmente sensíbel é a baixa do dianteiro de Moaña, sen o que a escuadra olívica non sabe o que é gañar desde hai máis de dous anos, sumando tan só dous puntos de 30 posíbeis. 

No outro bando, o técnico Javi Gracia aspira a saír da zona baixa da táboa -acumula só dúas vitorias nos últimos 10 partidos ligueiros- a costa do Celta e con dous vellos coñecidos da parroquia celeste como estrelas: o danés Wass e o uruguaio Maxi Gómez.

Nafti quere recuperar a solidez defensiva

O partido ante o Oviedo da pasada xornada foi o choque da tempada na que o Club Deportivo Lugo encaixou máis goles en toda a tempada (3), facendo anacos a característica principal albivermella desde a chegada do francotunecino Mehdi Nafti: a solidez defensiva.

Non obstante, este domingo ante a Unión Deportiva Logroñés (18.30) hai unha diferenza vital: o partido será no Ángel Carro. Na súa casa, a escuadra lucense permanece invicta desde a chegada de Nafti, na sexta xornada ligueira, unha moi positiva xeira de resultados que a ollos do central portugués Frederico Venancio "hai que conseguir manter". 

"O compromiso en Lugo -engadiu- foi fantástico, e temos que prolongar a consistencia e os resultados, porque todos os partidos desde agora valen moito máis, se non queren desengancharnos definitivamente dos postos de play-off", dos que están separados por sete puntos. 

Duplo derbi galego na Segunda División B

O calendario da categoría de bronce deparou un duplo derbi galego na xornada 15 que podería determinar o futuro clasificatorio dos equipos implicados.

Así, o Rácing de Ferrol recibe na Malata mañá ás 19 horas ao Deportivo nun duelo entre dous dos teóricos favoritos para copar os postos de ascenso, pero o devir da competición levounos a ocupar a sétima e a quinta posición, respectivamente, a falta de só cinco partidos para o final da liga, polo que o equipo perdedor podería despedirse definitivamente das súas aspiracións a xogar o ano que vén na Segunda División.

Nunha situación similar atópase o outro teórico favorito a ascender no mes de outubro, o Pontevedra Club de Fútbol. Sexto con 18 puntos, recibe este domingo ás 17 horas en Pasarón o  Compostela -cuarto clasificado con 20 puntos- ante o que só lle vale conseguir a vitoria se non quere descolgarse da loita por entrar no play-off. 

Pola súa banda, a sensación da categoría, o Celta B de Onésimo, Alfon, Carreira, Soni e compañía, xoga en Barreiro o domingo (12 horas) contra o penúltimo clasificado, o Salamanca UDS, coa intención de asaltar o liderado que desde hai varias semanas ostenta o outro conxunto charro da categoría, Unionistas.

E, finalmente, o Coruxo ten unha oportunidade de ouro de aumentar distancias cun rival directo na zona baixa, como é o Guixuelo, tamén pasado mañá ás 17 horas. 

Comentarios