O Celta porá a proba un Barça con baixas

Balaídos e Anxo Carro serán este sábado escenarios a seguir para comprobar a disposición do público para encher os estadios. No deportivo, o Celta buscará aproveitarse da actual situación do Barça e o Lugo de deixar atrás a parte baixa da clasificación diante unha Ponferradina que quere continuar ollando cara arriba.  
O Celta celebra un gol no Camp Nou o pasado 16 de maio (AFP7 / Europa Press).
photo_camera O Celta celebra un gol no Camp Nou o pasado 16 de maio (Foto: AFP7 / Europa Press).

"Máximo respecto ao Celta", afirmaba o adestrador interino do FC Barcelona, Sergi Barjuan na rolda de prensa desta sexta feira na que, a preguntas dos medios de comunicación, valoraba o partido que ambos equipos xogarán hoxe en Vigo (16.15 horas, Balaídos). A formación celeste buscará un bo resultado diante un Barça con até oito baixas e coa particularidade de non ter aínda na bancada o seu adestrador definitivo.

Esta semana tamén falou o líder do equipo galego, Iago Aspas, que aseguraba "desconfiar" dos problemas que poidan ter os cataláns. "Sempre ten un gran persoal. É certo que se lles foi o mellor ou un dos mellores do mundo. Mais tiveron e teñen grandes xogadores. Hai que saber a situación na que están, o que lles rodea", afirmaba. 

O dianteiro, suplente en Vallecas, fixo autocrítica. "Non atopei todo o fútbol que levo dentro, pero con tranquilidade e dando normalidade á situación. O fútbol son refachos. Levo tres goles, non carburamos nin eu nin o equipo tampouco. É certo que no comezo sempre me custa un pouco máis. Teño 34 anos e non só teño que achegar goles, teño que atopar o meu oco". 

Derbi dos Ancares sen restricións en Lugo

O CD Lugo recibirá o sábado (16 horas, Anxo Carro) á Ponferradina nun dos encontros máis agardados pola competitividade entre ambos equipos e a gran presenza de afección do Bierzo. Unha vez rematadas as restricións, volve o denominado "derbi dos Ancares" con público, o anterior fora en setembro de 2018 e conseguira reunir, daquela, algo máis de 3.700 persoas.

O club galego comunicou que enviou á Ponferradina 785 localidades que se situarán en xeral 1 e Preferencia Visitante. O equipo branquivermello vén de perder en Anduva diante do CD Mirandés nun encontro xogado entre semana que denotou as deficiencias que teñen os de Rubén Albés para manter o ritmo de xogo nos 90 minutos. 

A Ponferradina, polo seu lado, atópase no quinto posto da clasificación e ollando cara arriba mentres que o Lugo buscará non complicarse esta primeira parte da liga  na que está decimo quinto empatado a puntos co Zaragoza e o Burgos. 

Loita nos primeiros postos da Liga RFEF

A Primeira RFRF comezou no serán esta sexta feira co partido entre Unionistas CF e Celta B (sen rematar ao feche desta edición) e seguirá cos encontros entre Racing de Ferrol e SD Logroñés (19 horas, sábado) e UD Logroñés-Deportivo (17 horas, domingo). Os da Coruña tentarán manter o liderado diante dun rival directo e no seu propio campo.

"Será un  partido bonito, de bo ambiente. Nós imos tentar conseguir os tres puntos como en cada partido", afirmaba en rolda de prensa o deportivista Carlos Doncel. Con sete equipos agora en tres puntos neste grupo, considera "moi difícil que a pelexa se manteña entre estes sete, oito equipos. Agora si está moi igualado, pero dentro de sete, oito, nove xornadas falaremos doutras cousas".

A pouca distancia deste grupo está o Racing de Ferrol que tentará enlazar hoxe na Malata dúas vitorias por primeira vez no que vai de tempada.

Comentarios