O Celta a pola súa terceira vitoria consecutiva

Na xornada desta fin de semana o RC Celta pode afianzar o seu xogo na súa visita a Elx antes do parón que provocará a selección española. O Lugo, polo seu lado, viaxará até Leganés para tentar mellorar na clasificación mentres Riazor volveu onte a contar con afección visitante, un signo máis da "nova normalidade".
Javi Galan, xogador do RC Celta de Vigo (AFP7 / Europa Press).
photo_camera Javi Galan, xogador do RC Celta de Vigo (Foto: AFP7 / Europa Press).

O RC Celta visitará Elx esta fin de semana (domingo 3, 14 horas) coa intención de afianzar a súa posición na liga e reafirmar o seu xogo. Diante terá a un equipo que está un punto menos na clasificación e coa obriga de recuperarse das súas dúas  últimas derrotas consecutivas. Todo o contrario que os celestes que contaron as dúas xornadas anteriores por vitorias, malia ser a última contra o Granada nos minutos de desconto.

En todo caso, o resultado que saia deste encontro mellorará a puntuación do equipo a tempada pasada. Agora conta con sete puntos cando na edición anterior, nesta altura, levaba seis. Para estar no Martínez Valero, Eduardo ‘Chacho’ Coudet recuperará ao ganés Joseph Aidoo, despois do seu positivo pola Covid-19, e a posibilidade de que se recuperen Santi Mina e Néstor Araújo, ambos con escordaduras sufridas na última xornada. 

O Lugo buscará adiantar postos na clasificación

Este domingo tamén será o día en que o CD Lugo teña a súa cita en Madrid para xogar a oitava xornada de segunda división no estadio municipal de Butarque contra o CD Leganés (21 horas). O equipo madrileño conta na clasificación cun punto máis que os de Rubén Albés polo que ambos buscarán rematar a fin de semana en mellor posición.

Na rolda de prensa previa desde as instalacións do Ceao, o dianteiro boliviano Jaume Cuéllar amosou a súa satisfacción pola recente convocatoria por parte da súa selección e non deixou escapar a ocasión de comentar como están os ánimos diante do encontro contra os de Asier Garitano.

"Contra o Leganés imos loitar e a competir até o final”, asegurou. Sobre a situación do equipo asegura que "até o de agora estamos a facer todo ben, traballamos moito, mais non estamos a ter sorte cos resultados que estamos a obter" polo que admite que "queremos máis". 

Volveu a afección visitante ao estadio de Riazor

A sexta xornada da Primeira RFEF comezou esta sexta feira para os equipos galegos co partido entre o Celta B e o Zamora que se xoga en Balaídos polo impedimento de que se realizara no campo de Lavadores ano non contar este coa instalación eléctrica adecuada. O encontro, sen rematar ao feche desta edición, é importante para o filial celeste  para mellorar a súa actual duodécima posición, con 7 puntos. 

O segundo encontro da xornada para os equipos galegos foi a visita da SD Logroñés a Riazor, tamén na noite desta sexta e sen rematar ao feche desta edición. Para este partido Borja Jiménez contou cos seus 22 futbolistas dispoñíbeis coa excepción dos lesionados Trigueros,  Trilli e Valín. Como novidade, Riazor volveu a acoller afección visitante ao chegarmos a "nova normalidade" e a relaxación de medidas de ocupación do estadio.

Unhas 50 persoas viaxaron até A Coruña para presenciar o partido en directo. Riazor non contaba con presenza visitante nas bancadas desde o derbi contra o Lugo do 1 de marzo do 2020 e despois xogou a porta fechada os partidos que quedaban daquela tempada. Despois, coas aperturas que indicaban as autoridades sanitarias, o club só permitía a entrada ás persoas socias e abonadas. 

Fechará a xornada o Racing de Ferrol que se medirá ao Racing de Santander o domingo (17 horas). Na previa ao partido falaron en rolda de prensa Íñigo Alayeto, unha das últimas incorporacións do club, e o porteiro Diego Rivas. Alayeto aseguraba que este domingo será un "partido duro" no que teñen “boas sensacións" despois do resultado contra o Zamora e "sabendo que xogamos en casa, onde temos que facer o noso partido". Rivas, polo seu lado, asegura que no equipo "queremos rivais fortes como o Santander. Afrontarémolo con moita ilusión”.

Comentarios