martes 19/01/21

O Celta, a pola Copa sen Aspas nin Nolito

Partido trampa para o Celta na segunda rolda da Copa do Rei. Coa obriga de dar descanso a pezas chave con moitos minutos nas pernas, o Chacho Coudet afronta o choque ante o Ibiza co favoritismo que outorga a súa condición de equipo de Primeira, pero co respecto que merece un conxunto que non perdeu ningún xogo esta tempada.
Coudet dará minutos aos menos habituais e podería probar un novo sistema de xogo en Ibiza. (Foto: RC Celta).
Coudet dará minutos aos menos habituais e podería probar un novo sistema de xogo en Ibiza. (Foto: RC Celta).

Cando aínda está fresca a derrota do pasado sábado ante o Real Madrid, o Celta xoga mañá (17 horas) ante a Unión Deportiva Ibiza de Segunda B o pase á seguinte rolda da Copa do Rei. 

Os celestes son claros favoritos, mais farían mal en confiarse ante un conxunto de escasa historia pero ampla carteira que leva desde o pasado 18 de xullo sen perder nin un só partido oficial. Ademais, o céspede artificial do Estadi Can Misses pode ser un obstáculo para os futbolistas galegos, acostumados a xogar sobre auténticas alfombras de pasto natural.

Non viaxan a Ibiza nin Nolito nin Iago Aspas, que caeron lesionados ante o Real Madrid e que permanecerán fóra de xogo durante tres e dúas semanas, respectivamente. Este contratempo obrigará a Coudet a ser creativo no ataque, e non se descarta un cambio no sistema de xogo.

Dépor Abanca

Tamén xoga nunha illa no día de mañá (12 horas) o Deportivo Abanca, único equipo galego na máxima categoría do fútbol feminino. A escuadra branquiazul volve despois de dúas semanas de parada a causa do Nadal para enfrontarse coa Unión Deportiva Granadilla Egatesa Tenerife, unha das máis potentes de toda a Liga Iberdrola, como certifica a súa condición de cuarta clasificada, a tan só tres puntos do intratábel Fútbol Clube Barcelona, líder con pleno de vitorias.

A superioridade do Granadilla sobre o Dépor -fechacancelas con só sete puntos- parece evidente, mais o equipo de Manu Sánchez foi quen de deixar atrás un desastroso comezo de campaña e antes das vacacións estaba inmerso nunha liña ascendente de xogo e resultados.

"Teño a incerteza de saber se imos ser capaces de estar ao mesmo nivel -recoñece o técnico coruñés-, pero agardo que sigamos o exemplo do empate ante o Madrid CFF na súa casa, que nos ten que servir para ver o que somos quen de conseguir ante rivais dun potencial enorme".

De cara a este partido ante o Granadilla, Manu Sánchez recupera Esther Sullastres, que superou unhas molestias no ombreiro que a tiveron de baixa durante as últimas xornadas. Non obstante, Kika caeu da convocatoria por unhas molestias no cuádriceps, que agarda superar o antes posíbel de cara ao maratón de partidos que afrontará o Deportivo Abanca nas vindeiras datas, sete en pouco máis de 30 días.

comentarios