O Dépor perde en Sevilla (2-0)

O Celta planta cara ao Barça no Camp Nou (2-2)

Os equipos galegos da primeira división de fútbol disputaron os seus encontros na xornada do sábado. O Celta fíxoo no Camp Nou, onde lle plantou cara ao líder e asinou un 2-2. O Dépor fíxoo en Sevilla con peor fortuna, xa que os coruñeses perderon por 2-0.

celta iago aspas
photo_camera Aspas, nunha imaxe de arquivo, foi clave no partido fronte ao Barça

Na tarde do sábado tiña lugar no Camp Nou un grande encontro entre o Barça, líder da Liga, e o Celta, un partido que puido gañar calquera dos dous equipos. O Celta saía ao terreo de xogo ben plantado e con posesión do balón até o punto de asinar o primeiro dos tantos. Aínda que quen primeiro avisou foi o Barça cun xogadón de Messi, os vigueses golpearon primeiro á contra e após unha xogada encetada por Aspas que el mesmo culminou facían subir o primeiro gol ao marcador.

Menos de tres minutos tardaban os locais en responder. Foi Messi o encargado de devolver as táboas cun tiro raso cruzado que bateu Rubén.

O segundo tanto do Barça chegou na segunda parte tras a conexión Alba-Messi, que provocou que Luis Suárez marcase a pracer no minuto 62. Apenas sete minutos após, Iago Aspas volvía ser clave para o Celta cunha carreira á contra ante Umtiti. Logo de deixalo atrás, recortou Jordi Alba e puxo un pase ao punto de penalti, desde onde Maxi Gómez bateu os locais.

O partido finalizou con dúas oportunidades claras, unha para cada equipo. A primeira foi para o Barça, mais Messi fallou coa cabeza unha ocasión producida após un rexeite. A segunda foi para o Celta, mais unha man salvadora de Ter Stegen impediu que Pione Sisto anotase o terceiro tanto para os galegos.

FC Barcelona: Ter Stegen, Sergi Roberto, Piqué, Umtiti (Vermaelen, min.72), Jordi Alba, Busquets, Rakitic (Alcácer, min.79), Paulinho, Iniesta (Denis Suárez, 53), Messi e Luis Suárez.

RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Fontás, Sergi Gómez (Cabral, min.4), Brais Méndez (Roncaglia, min.63, Lobotka, Jozabed (Pablo Hernández, min.84), Wass, Sisto, Iago Aspas e Maxi Gómez.

Goles: 0-1, min.20: Iago Aspas; 1-1, min.22: Messi; 2-1, min,62: Luis Suárez; 2-2, min.70: Maxi Gómez.

Árbitro: Melero López, do comité andaluz. Amoestou Luis Suárez, Vermaelen, Roncaglia. Jozabed, Rubén, Wass, Sisto, Hugo Mallo.

O Dépor deixa os tres puntos en Sevilla

Peor fortuna tivo o Deportivo, que cedeu os puntos perante o Sevilla nun partido que comezou con imprecisións para ambos os equipos. O primeiro dos goles tardou en chegar. Coa primeira metade finalizando, o ex céltico Nolito asistiu Ben Yedder, que adiantou o equipo hispalense.

A chegada da segunda parte e o tanto do Sevilla non fixeron variar o guión e malia o empeño de Fede Cartabia e de Lucas Pérez, os locais eran superiores.

No último terzo do partido, o segundo de Berizzo –que se recupera dunha operación de cancro de próstata–, Ernesto Marcucci, deulle entrada a outro ex céltico Krohn-Deli, que sentenciou o encontro cando quedaba menos dun cuarto de hora para finalizar o xogo.

Depois deste resultado, o Dépor, que leva sete xornadas encaixando gol, fica na zona quente da táboa.

Sevilla FC: David Soria, Mercado, Geis, Lenglet, Escudero, Banega (Jesús Navas, min. 85), Pizarro, Franco Vázquez (Krohn-Dehli, min. 69), Nolito (Joaquín Correa, min. 87), Ben Yedder e Sarabia.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär, Fernando Navarro, Guilherme, Borges (Andone, min. 63), Fede Valverde, Fede Cartabia (Carles Gil, min. 77), Adrián (Emre Çolak, min. 82) e Lucas.

Goles: 1-0 Ben Yedder (min. 45); 2-0 Krohn-Dehli (min. 78).

Árbitro: Sánchez Martínez, do comité murciano. Amoestou Fede Cartabia, Escudero, Sidnei e Lucas.