O Celta, pendente aínda das fichaxes

O equipo celeste comezará a pretempada o vindeiro 4 de xullo. Antes desa data debería contar xa coas novas incorporacións que precisa para competir na liga. O primeiro partido amigábel será en México.
O centrocampista sueco Williot Swedberg, primeira incorporación ao equipo celeste esta tempada (Foto: RCCelta).
photo_camera O centrocampista sueco Williot Swedberg, primeira incorporación ao equipo celeste esta tempada (Foto: RCCelta).

O Celta de Vigo mudará en poucos días case a metade dos xogadores cos que rematou a tempada pasada. Polo de agora só houbo unha incorporación, a do centrocampista Williot Swedberg a pasada quinta feira, mais faltaríanlle outras nove máis se quere afrontar a competición en condicións.

O sueco asinou un contrato co equipo celeste por cinco tempadas, até o  30 de xuño de 2027. Pola contra, marchará José Fontán para incorporarse ao holandés Go Ahead Eagles. Pendentes de cesión por non contar para Eduardo Coudet están Iván Villar, Miguel Baeza, Carreira e 'Toro' Fernández

As incorporacións máis necesarias do novo Celta

As necesidades para o club celeste chegan en case todos os postos do campo. Comezando pola portaría, coa marcha de Matías Dituro ao rematar a súa cesión, lugar onde o Celta só conta con Rubén e Iván Villar que, se non marcha, quedaría como terceiro porteiro polo que se bota en falta unha incorporación. Algunhas voces apuntan ao polaco da Fiorentina, Bartłomiej Drągowski, pretendido tamén polo Espanyol.

Na defensa, coa saída de Araújo, faltaría un central, un lateral esquerdo e outro posto máis que sumar aos actuais Hugo, Aidoo, Carlos, Galán e Kevin. A zona máis estábel para o equipo de Coudet, agora mesmo, sería a de pivote grazas á continuidade de Beltrán e Tapia

A partir de medio campo a situación complícase. Así a incorporación de Swedberg á zona de Gabri Veiga, Brais Méndez e Cervi precisaría de dous novos xogadores para ter certa seguridade nunha competición como a liga estatal. Mais a dianteira celeste é a que está a ter máis necesidade ao contar agora mesmo só con Iago Aspas e faltarlle a incorporación de tres xogadores. 

O ruxe ruxe para a volta de Rafinha a Vigo

A marcha de Rafael Alcantara do PSG, cando aínda lle queda un ano de contrato, alertou da posibilidade de que volvese ao Celta. A coincidencia de que o asesor externo do club francés sexa o propio Luís Campos, con esta mesma función en Vigo, podería facilitar a operación. Malia todo, o problema para que se concretara a contratación do centrocampista é de carácter económico. 

As posibilidades da fichaxe, pola que que tamén estarían interesados outros equipos como a Real Sociedad, pasarían por unha importante rebaixa de salario e unha duración contractual acorde coa situación.

A pretempada comeza en xullo e xogará en México

O Celta comezará os adestramentos desta nova tempada  o vindeiro 4 de xullo. O primeiro  partido da pretempada será o amigábel contra o Pumas en México o día 13 de xullo (ás 20 horas) no Estadio Olímpico Universitario da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM). Será o primeiro encontro dos celestes en terras aztecas.

O seguinte choque en terras americanas será no PayPal Park contra o San José Earthquakes para despois trasladarse até Portugal para xogar un encontro contra o Braga o 19 de xullo. Por diante, unha tempada de liga, con 38 xornadas, na que o equipo celeste volve ser a formación que máis quilómetros de viaxe realice, 32.261, con desprazamentos de grandes distancias como o de Mallorca ou a o que terá que realizar a Girona

Comentarios