O Celta participa nun torneo virtual para concienciar sobre a corentena

Nun momento no que o fútbol europeo está totalmente paralizado, para matar o ruxe ruxe o modesto conxunto inglés do Leyton Orient promove unha iniciativa que congrega a 128 dos mellores equipos de Europa, incluído o Celta, para unha competición online de Fifa denominada #UltimateQuaranTeam
Fifa Quarentine Team
photo_camera Fifa Quarentine Team

O fútbol europeo está completamente parado. Non hai liga en Francia, Alemaña, Italia, España, Inglaterra... o que está a facer que para as seareiras de todo o continente o confinamento se faga aínda máis duro se cabe.

Mais tamén os xogadores e os equipos botan en falta o ruxe ruxe da competición, que entraba na súa etapa decisiva, tendo en conta sobre todo que este é ano de Eurocopa e Xogos Olímpicos.

Por iso, o Leyton Orient FC, un humilde conxunto londinense que milita na League Two, -a cuarta categoría do fútbol inglés-, que a pesar das súas circunstancias actuais conta cunha rica historia, pois foi fundado no ano 1881, decidiuse a organizar un torneo de fútbol... virtual.

A través do uso na rede social Twitter do hashtag #UltimateQuaranTeam, en referencia ao Ultimate Team, un dos modos máis populares do Fifa 20, o videoxogo de fútbol máis vendido da actualidade, fixo un chamamento a que 64 equipos se unisen para participar nun torneo de fútbol online para ofrecer un espectáculo distinto aos afeccionados e, de paso, instalos a quedar na casa.

A resposta por parte dos clubes de toda Europa foi tal que axiña tiveron que dobrar a cantidade de equipos participantes, e finalmente serán 128 as escuadras que tomarán parte na Quarantine Cup. Ademais, paralelamente, lanzaron unha campaña de recadación de fondos con fins solidarios.

No Estado español, o Celta será o único equipo con representación, que se enfrontará a conxuntos como o propio Leyton Orient, Manchester City, Roma, Aston Villa, Feyenoord, Olympique de Marsella ou Hamburgo. 

Cada equipo designará un xogador, que poderá ser un traballador do club -futbolistas, técnicos...- ou incluso un afeccionado, que no caso do Celta aínda é unha incógnita. No día de hoxe realizarase o sorteo do cadro de eliminatorias, así como o calendario de partidos, dos que os conxuntos participantes informarán a través das súas redes sociais. 

Comentarios