O Celta pagará o boleto e a viaxe para o partido de Cádiz

A escuadra olívica terá apoio en Andalucía.
O Cádiz-Celta é vital para a salvación de ambos os conxuntos.  (Foto: EP).
photo_camera O Cádiz-Celta é vital para a salvación de ambos os conxuntos. (Foto: EP)

O empate contra o Girona, unido aos positivos resultados dos seus rivais directos na zona baixa, comprimiu a loita pola salvación até o punto de que, a falta dos dous últimos encontros, o Celta só conta con dous puntos de vantaxe sobre o limiar da salvación, estabelecida polo Cádiz con 38 puntos, os mesmos que ten o Valladolid, primeiro equipo que descendería a Segunda División.

Cousas do calendario, este domingo o conxunto celeste viaxa á localidade gaditana para disputar ás 19 horas un encontro transcendental para ambas as formacións, razón pola cal a directiva olívica decidiu "tirar a casa pola ventá" e asumir os gastos tanto dos boletos como de desprazamento de todos aqueles aboados e aboadas que queiran desprazarse até a outra punta da Península para apoiar o seu club.

Segundo informou o Celta, a saída da frota de autobuses contratada terá lugar na noite do sábado a unha hora aínda por confirmar desde o estadio de Balaídos, sendo o regreso ao mesmo punto unha vez que conclúa o encontro.

Os e as aboadas que desexen obter un boleto de balde para a bancada visitante deberán, iso si, empregar os autobuses facilitados polo club. Deste modo, para retirar o ticket e reservar a súa praza para a viaxe, a persoa aboada terá que presentar o seu carné de socia, así como o seu Documento de Identidade, no despacho de boletos de Balaídos, onde se levarán a cabo todas as xestións de forma presencial.


Ferrol será unha festa para apoiar o Rácing

Na terceira categoría, Ferrol prepárase para vivir unha xornada que podería ser histórica se logra certificar o ascenso directo na derradeira xornada da Primeira Federación contra o Celta B.

O Concello da cidade departamental vén de publicar un bando no que manifesta o seu desexo de vestir Ferrol "coas cores verdibrancas", razón pola cal convida á veciñanza a "pór bandeiras do Rácing nas fiestras, nos bares e nos escaparates".

Ademais, "e co obxectivo de facilitar a animación e o encontro da cidadanía nas rúas", permitirá aos estabelecementos hostaleiros instalar pantallas no exterior para poder seguir o partido, así como barras coas que surtir de bebidas ás persoas que alí se congreguen.

Comentarios