O Celta paga o esforzo de Manchester e cae en Mendizorroza

Concedeu de máis a equipa de Berizzo na primeira parte. O 3-0 co que se chegou ao descanso foi un lastro insuperábel para os galegos no segundo acto. Con todo, o partido deixou dúas notas positivas: o debut en Primeira dun canteirán de 19 anos, o gardamallas Iván Villar, e o decimoctavo gol en liga de Iago Aspas.

Celta
photo_camera Un lance do xogo

Canseira psicolóxica, falta de atención, falta de intensidade... E unha efectividade brutal do Alavés. En apenas un cuarto de hora de xogo, o taboleiro de marcas xa indicaba un 2-0 para os locais. No minuto 36 Deyverson completaba o 3-0.

Após o intermedio, xa coa equipa vasca un pouco de ferias, o partido deveu nun monólogo do Celta, envorcado na área vasca. Pacheco, o gardamallas do Alavés, viunas de todas as cores e foi o mellor con diferenza da súa equipa. O Celta só conseguiu marcar grazas a un penalti transformado por Iago Aspas. O de Moaña selou así dúas marcas nada desprezábeis: é o noveno penalti consecutivo que transforma en gol en liga e desde xeito eleva a súa marca goleadora no campionato a 18 tantos.

O choque morreu con ese 3-1 (minuto 78). O Celta, talvez reservou forzas para receber esta próxima cuarta feira en Balaídos o Real Madrid, un duelo que pode decidir o campionato e ao que a equipa de Berizzo acode sen máis obxectivo que o de voltar a mostrar que é capaz de derrotar os xigantes do futebol mundial.

Alavés: Pacheco, Vigaray, Alexis, Feddal, Theo, D. Torres, Manu (Llorente, min.74), Sobrino, Toquero (Edgar, min.66), Katai (Romero, min.70) e Deyverson.

Celta: Iván Villar, Roncaglia (Jonny, min.60), Sergi Gómez, Fontás, Planas, Marcelo Díaz (Tucu Hernández, min.44), Wass, Jozabed, Pione Sisto, Bongonda (Iago Aspas, min,46) e Beauvue.

Goles: 1-0, min.5: Manu; 2-0, min.17: Feddal; 3-0, min.36: Deyverson; 3-1, min.78: Aspas, de penalti.

Campo: Mendizorroza.

Comentarios