O Celta non consegue a remontada fronte ao Betis (1-1)

Os vigueses non puideron superar o Betis e cederon dous puntos valiosos para se afianzar no quinto posto da táboa. O Celta fica agora a tan só un punto do Athletic e do Sevilla, que xogan este domingo.

pablohdz160416

Aínda que se esforzou e chegou en numerosas ocasións á portería rival, os de Berizzo non foron quen de superar un Betis que se adiantou na primeira metade na súa única chegada. Os vigueses dominaban con claridade os primeiros minutos de partido e estiveron a piques de poñerse por diante no marcador, cun disparo de Guidetti ao pau.

Malia intentalo en repetidas ocasións, as chegadas á meta de Adán non daban os froitos merecidos. Porén, o Betis conseguiu empuxar o coiro á rede na súa primeira chegada á área de Rubén. O gol foi obra de N’Diaye, que descentrou un Celta que deixou presionar.

Pasada a media hora, os vigueses trataron de repoñerse do tanto e volveron dispoñer de ocasións, todas elas desperdiciadas. As malas noticias chegaron antes do descanso, cando Berizzo ficou sen Wass e sen Beauvue por problemas físicos. Após o partido coñeceuse que o francés sofre rotura do tendón de Aquiles dereito.

Os béticos volveron do descanso metidos atrás e impedíronlle ao Celta crear perigo. Aínda así, o Celta marcou un gol que anulou o árbitro vasco por fóra de xogo –un fóra de xogo máis que discutido-. O empate chegou nos pés de Pablo Hernández, que rematou coa dereita con potencia e logrou sorprender Adán no minuto 77 de partido. Os vigueses seguiron intentando a remontada até o final, mais non a lograron.

RC Celta: Rubén, Jonny, Sergi Gómez, Cabral, Planas, Radoja (Pablo Hernández, min.74), Wass (Marcelo Díaz, min.40), Beauvue (Iago Aspas, min.44), Orellana, Nolito e Guidetti

Betis: Adán, Molinero, Montoya, Bruno. Joaquín (Xai Torres, min.74), Musonda (Portillo, min.91), Dani Ceballos (Cejudo, min.64), N´Diaye, Pezzella, R. Castro e Petros

Goles: 0-1, min.24: N´Diaye; 1-1, min.77: Pablo Hernández

Árbitro: De Burgos Bengoetxea, do comité vasco. Amoestou Rubén Castro, Dani Ceballos, Cejudo, Cabral, Jonny e Orellana.

Comentarios