O Celta mete no peto a súa primeira vitoria nesta liga cun triunfo ante o Betis

Os goles de Charles e Nolito deron aos celestes o triunfo nun partido no que Yoel foi decisivo. O Celta foi de menos a máis e callou unha segunda parte na que exhibiu o seu mellor rostro

Foto: LFP
photo_camera Foto: LFP

O Celta xa ten a súa primeira vitoria nesta Liga o vencer ao Betis por dous goles a 1. Tras o empate na casa ante o Espanyol, a armada celeste acudía o Benito Villamarín coa intención de se meter os tres puntos no peto. E abofé que o fixo. O equipo vigués suma xa 4 puntos e vai sexto na clasificación neste inicio de temporada.

A primeira parte do encontro foi agradecida en canto a oportunidades para ambas as dúas equipas. Tanto andaluces como galegos tiveron máis dunha ocasión para inaugurar o marcador e mesmo amplialo. O papel do porteiro céltico, Yoel, foi determinante nos minutos de treboada branqui-verde sobre a portería celeste. Rápido en reflexos, parou e deu tranquilidade ao equipo, que semellaba desnortado en defensa.

Na segunda parte, o Celta foi a máis e pouco a pouco impuxo o seu ritmo no partido. Froito deste traballo chegaron os dous tantos do Celta: Charles (minuto 66) e Nolito (minuto 74). Para o Betis marcou Rubén Castro. A expulsión de Oubiña por duplo cartón amarelo deu novos azos a un Betis que intentou atinxir o empate (a piques estiveron, cun tiro ao longueiro), mais a defensa do celta mostrouse seria.

E outra aposta pola canteira

Luis Enrique, seguindo o compromiso do Celta destes últimos anos, deu entrada neste encontro a un xogador da canteira, David Costas, que debutaba así co primeiro equipo.

Comentarios