Celta e Lugo volven á acción condicionados pola Covid

Como dicía Charles Aznavour, "o espectáculo debe continuar", e nin sequera a multiplicación dos casos activos de coronavirus nos distintos equipos parece ser quen de frear o multimillonario negocio do fútbol, que regresa esta fin de semana no medio da expansión da variante Ómicron.
A comuñón entre os futbolistas celestes, o filial e o xuvenil para saír adiante neste difícil momento é total. (Foto: RC Celta).
photo_camera A comuñón entre os futbolistas celestes, o filial e o xuvenil para saír adiante neste difícil momento é total. (Foto: RC Celta).

O fútbol profesional, logo dunha breve parada dunha semana, regresa a acción inmerso -igual que o resto da sociedade- nunha vaga de positivos en Covid-19 a causa da irrefreábel expansión da variante Ómicron. 

A cifra total de positivos entre os 42 conxuntos que conforman a Primeira e a Segunda División, e que retoman esta sexta feira a competición, está a piques de superar os 200, e os equipos galegos e os seus rivais nesta xornada non son unha excepción.

No caso concreto do Celta, os vigueses saltarán ao terreo de xogo do Benito Villamarín de Sevilla ás 18.30 horas deste domingo, 2 de xaneiro, coa baixa segura de catro dos nove xogadores positivos cos que conta a día de hoxe, mais na entidade celeste agardan poder contar cos cinco homes que confirmaron a infección antes da parada de Nadal. 

Aínda con eles, o adestrador olívico, Eduardo 'Chacho' Coudet, verase obrigado a forzar a recuperación de xente mancada -como o lateral Kevin Vázquez- ou a contar con futbolistas que habitualmente non entran nos seus plans, como o turco Okay ou os canteiráns Miguel Baeza, Carlos Domínguez, Veiga, ou Hugo Sotelo.

Non presenta un mellor panorama o seu conxunto rival, o Betis de Pellegrini, terceiro clasificado e unha das sensacións da competición, que se está adestrando sen xogadores tan importante nos esquemas do preparador chileno como Nabil Fekir, Claudio Bravo ou o dianteiro galego Borja Iglesias.

Sporting-Lugo, un duelo marcado pola Covid-19

En condicións normais, o choque entre dous equipos de cidades tan próximas como Xixón e Lugo provocaría o desprazamento de varios milleiros de afeccionados e afeccionadas, achegando cor ás rúas e provocando máis que xúbilo na hostalaría local, pero non son estes tempos que poidan ser cualificados como "normais".

Boa mostra diso é que a directiva do club asturiano só facilitou á galega 500 boletos para o partido que enfrontará Sporting e Club Deportivo Lugo este domingo, 2 de xaneiro de 2022, ás 16 horas, e que representará o regreso ao calendario competitivo da escuadra albivermella 22 días despois, logo da suspensión a causa da Covid-19 do partido que tiña previsto disputar ante o líder Almería o pasado día 20 de decembro.

A razón detrás desa cancelación foi o macro gromo que azoutou os da Cidade da Muralla e que, afortunadamente, xa parece -case- historia, pois a pesar de que recentemente se detectou un novo positivo entre o cadro de xogadores, outros 15 xa deixaron atrás a enfermidade e adestran con normalidade ás ordes do técnico albivermello, Rubén Albés.

Roberto Canella, veterano lateral esquerdo de  33 anos do Club Deportivo Lugo que anteriormente defendeu as cores sportinguistas durante máis dunha década, quixo desactivar os medos e as dúbidas sobre o estado físico dos xogadores albivermellos: "Agora que vin adestrar os compañeiros, non estou preocupado para nada".

O experimentado zagueiro tamén recoñeceu as "ganas" que teñen de volver competir e a "ambición" por escalar posicións na táboa na segunda volta, anhelo que pasa en primeiro lugar por "dedicarlle un triunfo á afección" ante un Sporting minguado polas baixas.

Porque o ex equipo de Canella conta actualmente con 14 efectivos confinados, entre os que se inclúen o primeiro e o segundo adestrador e tres dos catro centrais -Babin, Berrocal e Marc Valiente-, polo que se abre unha porta a que os dianteiros galegos saquen petróleo da inexperiencia da liña defensiva astur, que estará integrada case exclusivamente por rapaces dun Sporting B que milita na Terceira División. 

Comentarios