Celta e Lugo buscan a primeira vitoria da tempada

Tras un comezo de competición no que o seu rendemento sobre o céspede non sempre se correspendeu cos seus resultados, celestes e albivermellos buscan sumar de tres en tres por primeira vez no que vai de Liga ante dous rivales de entidade, como son o Athletic de Bilbao e o Real Valladolid, respectivamente.
Ignorado de novo por Luís Enrique, os focos da afección celeste volverán estar sobre Iago Aspas no partido ante o Athletic. (Foto: EP).
photo_camera Ignorado de novo por Luís Enrique, os focos da afección celeste volverán estar sobre Iago Aspas no partido ante o Athletic. (Foto: EP).

Agora si, toca gañar. Logo de dúas xornadas nas que nin Real Club Celta nin Club Deportivo Lugo foron quen de coñecer a vitoria, celestes e albivermellos deben sumar de tres en tres.

Esta necesidade multiplícase no caso do conxunto vigués, pois o seu rival na terceira data, un Atheltic Club de Bilbao a quen recibe hoxe ás 17 horas en Balaídos, podería chegar a ser un rival directo na loita por Europa, polo que cada punto é ouro.

Así, e logo de caer derrotados ante o Atlético de Madrid no primeiro partido ligueiro (1-2) e de rañar un empate no sempre duro campo do Sadar ante Osasuna (0-0) nun choque marcado pola desastrosa arbitraxe de Arberola Rojas e a desafortunada lesión de Kevin Vázquez, xa non hai escusas para que os do Chacho ofrezcan a súa mellor versión.

Tanto é así que xogadores como Araújo recoñeceron que "hai moito que mellorar", ao que Santi Mina engadiu, indo máis aló, que o equipo "ten que comezar a sumar de tres en tres, porque a Liga non agarda por ninguén".

Todo isto levará ao técnico olívico a ofrecer varias novidades no seu once inicial, e xogadores que até o de agora non foron da partida, como Cervi e Aidoo, poderían saír xunto con Hugo Mallo, que regresa logo da súa sanción para cubrir o oco deixado polo mancado Kevin no lateral dereito.

 O Valladolid, un dos 'cocos' da categoría

Deixando atrás a Primeira División e desprazando o foco até a categoría de prata, o Club Deportivo Lugo afronta mañá ás 19.30 horas no Ángel Carro un difícil compromiso ante un dos 'cocos' da categoría, o Real Valladolid.

A escuadra pucelana, que vén de descender a tempada pasada e aínda está adaptándose á Segunda, conta cun potentísimo cadro de xogadores, no que brillan homes coa traxectoria do porteiro Roberto Jiménez, o ex celtista Lucas Olaza, Roque Mesa, Óscar Plano ou o goleador israelí Weissman.

Ante este escenario, Rubén Albés, técnico do conxunto galego afondará aínda máis na estratexia empregada nos últimos partidos, baseada na intensidade defensiva, a solidariedade no esforzo e o xogo vertical e directo. Lamentabelmente, non poderá contar co defensa Diego Alende, cedido polos casteláns e baixa pola famosa 'cláusula do medo'.

Celta B, Dépor e Rácing, á procura do debut soñado 

A Primeira RFEF, a terceira categoría do fútbol estatal, arrancou na xornada de onte cun duelo entre a Cultural Leonesa e Raio Maxadahonda, rivais directos dos tres representantes da Galiza no Grupo 1 dos dous nos que se divide a antiga Segunda División B.

O primeiro en entrar en xogo será o Rácing de Ferrol, hoxe ás 17.30 horas ante Unionistas de Salamanca nunha Malata que Feixoo limitou a 40% da súa capacidade, que será cuberta integramente por persoas aboadas. Con respecto ao rival, trátase dun vello coñecido da tempada anterior e que entregou aos Diaños Verdes o rol de favorito, destacando o feito de seren quen "de manter o bloque do ano pasado".

Xa no día de mañá (21.30 horas) será a quenda de Deportivo da Coruña e Celta de Vigo B, que fecharán a xornada inaugural protagonizando o primeiro derbi galego na historia da Primeira RFEF. Co precedente do ano pasado na memoria, no que o filial celeste se impuxo en Riazor por 1-2 nun choque que para parte da afección herculina representa o maior oprobio nos 115 anos de historia do club e que supuxo o principio da fin de Fernando Vázquez na Coruña, ambos os equipos buscarán comezar con bo pé un longo camiño que se estenderá até finais do vindeiro mes de maio.   

Comentarios