O EQUIPO LEVANTINO XOGOU CON 10 DESDE O 6'

O Celta, líder provisional após gañarlle ao Levante (1-2)

O Celta é líder provisional da primeira xornada de Liga, á espera do resultado do encontro entre o Granada e o Éibar, tras vencerlle ao Levante por 1-2. O partido estivo marcado pola expulsión de Simao desde o minuto 6 e pola anulación dun gol legal ao equipo valenciano. 

[Imaxe: RCCV] Jonny e Fontás
photo_camera [Imaxe: RCCV] Jonny e Fontás

O Celta venceulle a domicilio por 1-2 ao Levante, nun partido en que non faltou a polémica, pois no minuto 6 de partido Simao pisou Iago Aspas, que avanzaba sen o esférico, e o colexiado vasco De Burgos Bengoetxea amosáballe o cartón vermello ao xogador do equipo valenciano. Menos afortunado estivo o árbitro vasco, que debutaba en Primeira, cando no minuto 30 lle anulou ao Levante un gol, que era legal, por considerar infracción de Deyverson, dianteiro brasileiro do Levante

Durante o primeiro tempo, o conxunto celeste tivo o dominio do balón, mais era incapaz de encaixar o esférico na rede. Non foi até o minuto 40 cando o Celta conseguiu o primeiro gol, froito dunha boa xogada de Jonny, que conseguiu meter entre os tres paus Orellana.

Na segunda parte, o Celta non se sentiu tan cómodo no terreo de xogo como na segunda parte, unha sensación que se acentuou desde o minuto 55, nunha falta directa que lanzou de maneira maxistral Verza. Despois de varias ocasións por parte de ambos os conxuntos, foi o Celta quen anotou outro tanto, obra de Aspas ao rematar o balón de Orellana.

A cinco minutos para o final do partido, o porteiro Rubén Blanco sufriu unha lesión no ombreiro e foi substituído por Néstor (terceiro gardameta do equipo vigués). Os últimos intres do partido non deron tregua: Aspas estrelaba un balón ao poste e o Levante tamén tirou en varias ocasións á porta.

Como anécdota, o partido que enfrontou o Levante co Celta colleitou o maior número de goles da primeira xornada ligueira, unha xornada na que os vigueses rematan como líderes provisionais a falta do resultado do partido entre o Granada e o Éibar (xógase esta segunda feira).

Levante UD: Rubén, Iván López (Morales, min.77), Trujillo, Simao, Juanfran, Toño García, José Mari (Víctor Casadesús, min.70), Verza, Camarasa (Rubén García, min.81), Deyverson e Ghilas.

RC Celta: Rubén (Néstor, min.85), Hugo Mallo (Guidetti, min.69), Cabral, Fontás, Jonny (Planas, min.93), Augusto, Wass, Pablo Hernández, Orellana, Nolito e Iago Aspas.

Goles: 0-1, min.40: Orellana; 1-1, min.55: Verza; 1-2, min.76: Iago Aspas.

Árbitro: De Burgos Bengoetxea, do Comité vasco. Expulsou con vermella directa Simao (min.6) e amonestou Jonny, Fontás, Guidetti e Morales.

Comentarios