O Celta imponse en #OnosoDerbi por un contundente 4-1

Aspas, con dous goles, e Orellana lideraron un encontro no que o Dépor non mereceu unha derrota tan dura. Vídeo das afeccións a cantar o Himno Galego no interior.

celta
photo_camera Imaxe: RC Celta

Celta e Dépor chegaban ao derbi con dúbidas pairando sobre ambas as dúas equipas, cada unha por motivos diferentes mais as dúas conscientes do que se xogaban en Balaídos para escorrentar pantasmas e manter o pulso das súas respectivas apostas. Gañou o Celta, cun 4-1 que non admite dúbida. Un resultado incontestábel mais que tamén é excesivo para un Dépor que non mereceu unha derrota tan dura.

O himno galego, cantado conxuntamente polas dúas afeccións, daba o mellor inicio a 'O Noso derbi'. O Celta saiu enchufado desde o minuto un, consciente de que se lle outorgaba o papel de favorito e de que nestes anos está a termar do título de rei do fútbol galego. Construíndo, movendo rápido, os celestes axexaban a portería deportivista. No minuto 32 un gol de Hugo Mallo abría o marcador. Axiña contestou o Dépor, que a través de Albentosa marcou o seu primeiro gol fóra de casa nesta Liga. Silenciou Balaídos a abriu uns minutos nos que os coruñeses dominaron o campo, arrinconando os celestes.

Porén, a segunda metade foi outra cousa. Un inmenso Orellana, un xogador cuxa calidade non deixa de se amosar nas citas chave, e un Aspas enchufado lideraron o Celta fronte a un Dépor que foi perdendo fol a medida que pasaba o encontro. Aspas, que nunca marcara nun derbi oficial, meteu dous goles. Orellana tamén tivo a súa recompensa cun tanto. "É a nosa culpa" recoñeceu Albentosa finalizado o encontro. "É un dos días máis felices da miña carreira", manifestaba un Aspas exultante. "Na área son determinantes, de medio campo para adiante non se pode comparar. Precisan menos que nós para facer un gol", resumía Gaizka Garitano, adestrador deportivista. Berizzo, técnico celeste, foi franco: "É un resultado abultado, quizás demasiado castigo para o rival".

Ficha técnica

Celta (4): Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Hernández, Wass; Bongonda (Marcelo Díaz, min.74), Orellana (Sisto, min.90) e Aspas (Rossi, min.88).

Deportivo (1): Lux; Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro; Bruno Gama (Marlos Moreno, min.64), Guilherme (Borges, min.80), Mosquera, Fajr; Babel (Carles Gil, min.73) e Andone.

Goles: 1-0 Hugo Mallo, min.32; 1-1 Albentonsa, min.36; 2-1 Aspas (p), min.60; 3-1 Orellana, min.77; 4-1 Aspas, min.83

Árbitro: Álvarez Izquierdo (colexio catalán). Amonestou Hugo Mallo polo Celta de Vigo, e Albentosa, Guilherme, Sidnei e Mosquera polo Depor.


 

Comentarios