O Celta fíxase nos xogadores libres tras non fichar dianteiro

Entre os futbolistas sen equipo están Mario Mandzukic ou Franco Borini. Na Segunda División, tampouco o Lugo fixo ningunha incorporación nesta fiestra do mercado. 
EuropaPress_2183450_champions_liverpool_forward_daniel_sturridge_15_lifts_the_trophy_after_the
photo_camera Sturridge, vixente campión de Europa co Liverpool, soa no Celta ( Ian Stephen / Pro Sports Images)

O mercado de fichaxes botou o feche nas últimas horas sen que o Celta conseguise fichar ningún dianteiro tal e como aspiraba o seu adestrador, Óscar García Junyent, que agora deberá agardar á vindeira fiestra de fichaxes. A única novidade que se produciu foi a saída, en calidade de cedido, de Vadillo ao Espanyol, actualmente na Segunda División. O clube tentou liberar espazo e masa salarial, mais nin Costas nin Jorge Sáenz aceptaron as propostas que o Celta lles presentou.

Con todo, desde a entidade viguesa non renuncian a contar cun avanzado máis que poida acompañar a Iago Aspas nos labores ofensivos. Despois de tentar sen éxito facerse cos servizos de Loren Morón procedente do Real Betis en calidade de cedido nas últimas horas antes do feche do mercado, agora son outros os nomes que manexa a dirección deportiva que encabeza Felipe Miñambres. Todos cunha característica en común: están sen equipo, derradeira oportunidade para atopar o goleador que tanto necesita nestes primeiros meses da tempada. Ademais, Rafinha acabou finalmente traspasado polo FC Barcelona ao PSG.

Entre as opcións que se barallan está Daniel Sturridge, de 31 anos, ex do Manchester City, Chelsea e estrela do Liverpool. Tamén Alexandre Pato, que xogou na tempada 2016/17 no Villarreal, e ademais tivo un paso destacado polo AC Milan.

Mario Mandzukic, de 34 anos, outro dianteiro de sona internacional tras o seu paso, entre outros clubes, pola Juventus ou o Atlético de Madrid, e que acabou marchando a Catar podería ser unha incorporación de peso.

Máis novo é Franco Borini (29 anos), no seu momento considerado o futuro da selección italiana, mais que finalmente non acabou por callar. E por último tamén o senegalés Oumar Niasse e o francés Yaya Sanogo soan para o Celta de Vigo.

Nin chegadas nin saídas

Tampouco o Lugo fixo ningunha incorporación nesta fiestra do mercado. Iso a pesar de que tanto o adestrador, Juanfran, como membros da directiva confirmaran pública e repetidamente durante as últimas datas que as fichaxes dun central, dun centrocampista e dun xogador de banda esquerda eran inminentes. 

E tampouco se anunciou ningunha saída, aínda que isto pode cambiar xa que os mercados doutras ligas continúan abertos.

Comentarios