A crónica

O Celta exhibe músculo defensivo, pero queda curto en ataque para vencer o Raio Vallecano

A escuadra olívica despide a Liga cun empate sen goles ante o equipo revelación do torneo.
Carvalhal púxolle o mono de traballo aos seus homes, pero con suor non abonda para gañar na Liga.  (Foto: LFP).
photo_camera Carvalhal púxolle o mono de traballo aos seus homes, pero con suor non abonda para gañar na Liga. (Foto: LFP)

Acabou a Liga... por agora. O Real Club Celta de Vigo xogou na noite de onte ante o Raio Vallecano (0-0) o seu último partido ligueiro até o próximo 31 de decembro a causa da disputa do Mundial, sendo incapaz de sumar a que tería sido a súa primeira vitoria desde o 2 de outubro.

Non obstante, o empate sen goles non é de todo unha mala nova, pois o combinado celeste levaba sen deixar a cero a súa porta, precisamente, desde ese triunfo (1-0) ante o Betis a comezos do mes pasado. 

Carvalhal, perfectamente consciente dese problema, escolleu de saída Marchesín; Kevin, Aidoo,Unai Núñez,Mingueza,Javi Galán; Renato Tapia, Gabri Veiga, Carles Pérez, Franco Cervi; Gonçalo Paciência. A principal diferenza con respecto ao anticipado nas páxinas de Nós Diario foi a aposta por Cervi en lugar de Fran Beltrán e Carles Pérez por Iago Aspas, esta última obrigada por un pequeno problema físico do dianteiro.

Con esa estratexia 5-4-1 Carvalhal pretendeu solucionar as evidentes carencias defensivas do equipo, reforzando a liña cun home máis ao mesmo tempo que xuntaba filas cedéndolle a pelota ao Raio Vallecano coa idea de sacar petróleo nalgún contraataque, algo que case logran Paciência nos intres iniciais do partido e un velocísimo Carles Pérez transcorrido o primeiro cuarto de hora de encontro.

Mais, coa excepción deses momentos puntuais, o primeiro tempo foi un monólogo do equipo local, que topou unha e outra vez contra o muro defensivo tecido polo técnico portugués. 

A reanudación trouxo consigo un aparente desexo do Celta de, canto menos, maquillar unhas estatísticas de posesión que lle eran moi desfavorábeis, mostrando un 62,5-37,5% a prol do Raio durante os primeiros 45 minutos. O xogo combinativo parecía o novo plan, pero pasados 10 minutos ambos equipos recuperaron o statu quo anterior e o madrileño tomou de novo a iniciativa, volvendo encerrar o olívico fronte á súa área, probando sorte infrutuosamente con disparos desde lonxe.  

Con Iago Aspas no terreo de xogo -en substitución dun activo Paciência- desde o minuto 64 medraron as esperanzas de ver un novo Celta co xenio de Moaña sobre o céspede, pero a afección viguesa tivo que conformarse coas táboas.

Comentarios