Celta, en Europa, e Deportivo, en terra de ninguén, após a 25 xornada

Resultados desiguais para as equipas galegas no capítulo 25 da liga. O Celta fortifica a súa posición europea e o Dépor cae, mais non corre risco de se ver enleado na loita pola supervivencia.

Celta-Eibar 20-2-2016
photo_camera Aspas e Guidetti festexan un gol

O Celta gañou o Eibar (3-2) nun duelo por se empoleirar en posicións europeas. A victoria da equipa de Berizzo consolida a súa posición na sexta praza, con 38 pontos. O combo vigués totaliza a esta altura do campionato 11 vitorias e 5 empates. Cedeu 9 derrotas. Fixo 38 goles e recibiu 44.

O Deportivo rachou en Barcelona, no campo do Espanyol, a xeira de empates. Pero para pior. Cedeu por 1-0. Pagou en exceso as baixas de Lucas Pérez e de Sidney, o central brasileiro retirado no meio do xogo por lesión.

Se na clasificación só computasen os triunfos, a equipa coruñesa, con 6, estaría só unha vitoria por cima dos fechacancelas, Las Palmas, Levante e Granada

A equipa de Víctor Sánchez del Amo vive agora en terra de ninguén, con 32 pontos, relativamente lonxe das prazas europeas, mais cun formidábel colchón de seguranza sobre o descenso. Cando fican 13 partidos por se disputar, o Deportivo está 11 pontos por cima da liña que separa o ceo do inferno. 

O problema do Deportivo continúa a ser o mesmo: apenas gaña partidos. De facto, se na clasificación só computasen os triunfos, a equipa coruñesa, con 6, estaría só unha vitoria por cima dos fechacancelas, Las Palmas, Levante e Granada.

Comentarios