O Celta doa material sanitario ao Sergas

200.000 luvas, 50.000 máscaras e 700 botes de medio litro de xel desinfectante foron entregadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
photo_camera Palés co material sanitario doado, a carón de Balaídos (Foto: Nós Diario).

O RC Celta e a súa fundación fixeron entrega esta mañá de 200.000 luvas, 50.000 máscaras e 700 botes de medio litro de xel desinfectante ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde foron recibidos polo xerente do centro Julio García. "Foron xestións laboriosas, pero cun resultado altamente gratificante, xa que calquera axuda é pouca para o colectivo de traballadores sanitarios que cada día se esforzan ao máximo na loita contra esta enfermidade", explican desde a escuadra celeste. Esta colaboración terá continuidade a próxima semana, na que o clube doará ao Sergas outras 100.000 mil máscaras.

Ademais, o club e a Fundación puxeron a disposición do Sergas as instalacións da Sede, en concreto a residencia da canteira e a clínica RC Celta. Desta maneira, no momento no que o consideren oportuno, os responsables sanitarios poderán dispor na Sede de 28 camas nas habitacións da residencia, que ademais dispón de zonas comúns, cociña e lavandaría. Pola súa banda, a clínica do Celta ofrece "diversos espazos aproveitábeis para consulta e mesmo para o aloxamento do persoal sanitario".

Por outra banda, Conservas Daporta e a Fundación Celta fixeron chegar 1.500 latas de alimentos a diversos comedores sociais de Vigo, que reportaran dificultades para cubrir as necesidades básicas dos seus usuarios. 

Tanto o RC Celta como a súa Fundación continuarán nos próximos días con outras iniciativas "para colaborar, na medida do posíbel, coa sociedade nestas difíciles circunstancias". "A totalidade dos departamentos de ambas entidades están absolutamente centrados na xestión e desenvolvemento deste tipo de medidas tan necesarias nun momento no que a unión e a colaboración de toda a sociedade son vitais", conclúen.

Comentarios