Celta e Dépor golean e convencen

Os resultados volven sorrir tamén na casa. Celta e Dépor non perden o fío da competición e contentan a afección con goles, igual que fai o Celta B fóra. O Racing, pola súa parte, mantén a liña cun empate no último minuto. Lugo e Pontevedra, pola contra, seguen no burato do descenso e perden os seus respectivos partidos. 
Carreira en Riazor de Isi Gómez, perseguido por un xogador do Badaxoz (Foto: RFEF).
photo_camera Carreira en Riazor de Isi Gómez, perseguido por un xogador do Badaxoz (Foto: RFEF).

Balaídos foi unha festa e o equipo convenceu. Na previa entre Celta e Valladolid houbo homenaxe a Eusebio Sancristán, con saque de honra incluído, e protesta contra o colectivo arbitral polas súas decisións en anteriores encontros.

Xa no choque deportivo, os de Carvalhal non deron opcións aos casteláns con varios avisos de inicio na primeira parte, como un pau de Aspas, e a aparición de Gabri Veiga, que marcou dous goles, ademais de dar a asistencia para outro, obra de Seferovic. Con este resultado, o Celta segue na zona media e iguala a diferenza de goles en caso de empate. 

Goleadas e empate

Dúas goleadas e un empate manteñen as ilusións galegas na cabeza da clasificación en Primeira RFEF. O Dépor certificou en Riazor o seu bo estado de forma e desfíxose do Badaxoz cun contundente 5-0.

Os tantos de Mario Soriano, Carlos Cordero (en propia meta), Lucas (por partida dobre) e Saverio mantiveron, ademais, durante unhas horas os de Óscar Cano como líderes da categoría. 

Unha imaxe diferente deu o Racing na súa visita ao Linares (1-1), malia conseguir un empate case ao remate do partido. Un resultado que o adestrador, Parralo, deu “por bo” en declaracións posteriores e que mantén as esperanzas en Ferrol de poder estar na zona de promoción. 

O Celta B, pola súa parte, trouxo para Vigo os tres puntos tras derrotar o Mérida no seu campo por 0-3. Os de Claudio González están a demostrar que o equipo celeste ten canteira e pode loitar pola promoción.

Lugo e Pontevedra

A cruz deportiva está no Lugo e no Pontevedra. O primeiro caeu  en Valencia diante do Levante (3-1) e afúndese un pouco máis  na clasificación (agora penúltimo con 22 puntos). Os albivermellos tentárono e tiveron ocasións, como a neutralización do primeiro tanto local cun gol de Sebas, mais os de Calleja responderon con dous goles.

Unha situación semellante vive o Pontevedra, que perdeu en Pasarón co Ceuta (1-3), un rival directo na categoría, e xa é último. Os granates marcaron a piques de rematar a primeira parte mais os de Romero empataban e, xa na segunda parte, sentenciaban o encontro con dous goles máis.

O Club decidía esta segunda feira destituír a Toni Otero como adestrador e director deportivo.

Comentarios