FÚTBOL

O Celta confíase e perde dous puntos en Balaídos após un bo comezo

O conxunto celeste adiantouse con tantos de Álex e Charles, pero rematou cedendo un empate (2-2) ante o Espanyol no inicio de curso en Primeira división.

Un magnífico ambiente que proba a ilusión recuperada da afección e un partido de alto nivel serviron para que o Celta comezase a súa andaina pola Primeira división da man de Luis Enrique, estrea que o exceso de confianza desluciu ao permitir o equipo vigués que o Espanyol empatase -e mesmo estivera a piques de levarse os tres puntos- un encontro que o Celta tivo dominado por dous tantos a cero, que incluso puido ser máis se non fora pola boa actuación do meta Casilla.

Con Charles como xogador estelar, Oubiña aos mandos e cun Rafinha que malia non saír de inicio amosou a súa clase durante os minutos que tivo, o Celta -con Yoel como titular na porta- foi superior aos barceloneses e así se adiantou por medio de Álex López nun remate cruzado. Nada máis saír do descanso, e de novo a centro de Krohn-Dehli, Charles abría a súa marca goleadora co Celta. O 2-0 parecía renda suficiente, pero Víctor Sánchez e Thievy puxeron o empate no marcador. Un remate na última xogada de Colotto case supón a vitoria visitante, quedando a igualada como resultado final dun encontro agridoce pero que amosou moitas das virtudes do Celta 13/14.

Comentarios