O Celta carga contra o “nivel ínfimo” do árbitro que dirixiu o partido contra o Xetafe

O RC Celta emitiu este sábado un comunicado en que se amosa moi crítico coa arbitraxe do colexiado asturiano González Fuertes no partido contra o Xetafe, que os vigueses perderon 2-3.

16a5f0c0-81b2-4134-9c7e-fbbcbf28b28a-2
photo_camera O colexiado asturiano

“A mellor Liga do mundo non se pode permitir arbitraxes como o que sufriu hoxe o RC Celta en Xetafe”. Así comeza o comunicado enviado polo RC Celta a respecto da actuación dirixida polo colexiado asturiano González Fuertes. O clube advirte de que “non alcanzou os mínimos esixíbeis nunha competición menor e moito menos nunha Liga do prestixio da española”.

O Celta chama á reflexión sobre a importancia de que todos os elementos en xogo nunha competición como a liga de fútbol se sitúen nuns estándares mínimos. “En definitiva, é lamentábel que na mellor liga do mundo, un árbitro ofreza o ínfimo nivel que mostrou o que dirixiu o Xetafe-RC Celta”, acrecenta o clube, que pide, “simplemente, respecto”. “O RC Celta pide, simplemente, respecto. O mesmo respecto que este club sempre mostrou pola liga e polo estamento arbitral, pero o que sucedeu hoxe non é comprensíbel nin aceptábel, non se pode permitir”, conclúe o comunicado.

O partido fronte ao Xetafe estivo ateigado de polémica: un discutido penalti a favor dos locais, a expulsión do celeste Maxi Gómez e un gol anulado a Hugo Mallo. Aos dous minutos, o Celta adiantábase no marcador cun testarazo de Araujo após unha falta sacada por Brais Méndez.

O resto da primeira parte transcorreu coa igualdade entre ambos os equipos como protagonista até que pouco antes do descanso o árbitro asturiano sinalaba un dubidoso penalti a favor do Xetafe que transformou Mata e expulsaba Maxi Gómez por dupla amarela. No tempo de compensación, Hugo Mallo anotaba o segundo tanto celeste, que era anulado por un cuestionado fóra de xogo.

A segunda parte estivo condicionada polas polémicas acaecidas nos primeiros 45 minutos e o equipo madrileño logrou adiantarse no marcador grazas a un gol de Jorge Molina. Os celestes trataron de poñer táboas no marcador pero non tivo fortuna. Mata, de novo, anotaba o derradeiro tanto dos locais.

Xetafe CF: David Soria; Damián, Cabrera, Djené, Olivera; Samu Sáiz (Portillo, min 70), Maksimovic, Arambarri (Flamini, min 61), Foulquier; Jorge Molina e Mata (Ángel, min 82).

RC Celta: Rubén; Hugo Mallo (Kevin, min 55), Araujo, Hoedt, Costas, Juncà (Sisto, min 82); Fran Beltrán, Jozabed; Brais Méndez, Maxi Gómez e Boufal (Aspas, min 65).

Goles: 0-1, Araujo, min 2; 1-1, Mata, min 39; Molina, min 62; 3-1, Mata, min 81.

Árbitro: González Fuertes, do comité asturiano. Amoestou Mata, Flamini, Olivera (Xetafe CF) e Maxi Gomez (expulsado por dupla amarela no min 38), Costas (RC Celta).

Comentarios