Vitoria en Vila-Real (2-3)

O Celta de Cardoso comeza a tomar forma

Segundo triunfo consecutivo do combo agora treinado polo luso Miguel Cardoso. Tres goles fóra de casa e ningún deles de Iago Aspas! Sinal contundente de que o arsenal ofensivo desta equipa vai moi alén das probadas capacidades do punta de Moaña.

celta
photo_camera Celebración dun dos goles celestes

O primeiro gol sempre ten máis valor. É o que abre a lata, como se di na xiria futebolística. Desta volta volveu levar asinatura da Madroa. Foi Brais Méndez quen o anotou, ao fío do epílogo do primeiro acto, minuto 43.

Até ese momento o Celta de Cardoso foi superior a unha equipa local que en ningún momento se achou a si mesma. A escadra viguesa tiña o partido onde quería, cun xogo afouto, á altura do lema e da lenda dos de Balaídos.

No comezo da segunda parte, o Celta desatou todo o seu potencial sobre o verde. En 5 minutos Okay e Maxi Gómez puxeron o 0-3 no taboleiro de marcas. Todo parecía sentenciado e así foi, aínda que o Villarreal estaba vivo e fixo sufrir aos vigueses nun trepidante tramo final, con dous goles do colombiano Bacca (minutos 82 e 86).

O Celta soubo safar porque, alén de saber que facer coa bola, tamén é unha equipa con capacidade para se resgardar cando é o rival quen a ten nos pés.

Após este segundo triunfo consecutivo, o Celta instálase na zona media da táboa, con 20 pontos, produto de 5 vitorias, 5 empates e 5 derrotas en 15 partidos. Estaría neste momento a só tres puntos do Real Madrid, a equipa que —clasificada na sexta praza, embora cun partido menos— marca neste momento a fronteira que leva á Europe League.

Villarreal: Asenjo; Mario, Álvaro, Víctor Ruiz, Pedraza (Funes Mori min.91); Cazorla, Trigueros (Ekambi min.46), Cáseres, Chukwueze (Bacca min.54), Fornals e Gerard Moreno. .

RC Celta: Rubén Blanco, Hugo Mallo, David Costas, Araujo, Juncà, Jozabed (Cabral, min.80), Okay, Brais Méndez (Fran Beltrán, min.75), Boufal (Hjulsager, min.65), Iago Aspas y Maxi Gómez.

Goles: 0-1, min.43: Brais Méndez; 0-2, min.48: Okay; 0-3, min.50 Maxi Gómez; 1-3, min.82: Bacca; 2-3, min.86: Bacca.

Árbitro: Gil Manzano, do comité extremeño. Cartóns amarelos para Cáseres, Álvaro e Mario Gaspar (Villarreal) e Okay, Maxi, Hugo Mallo (RC Celta).

Comentarios