O Celta cambia o tango de Coudet polo fado de Carvalhal

Analizamos o adeus do preparador arxentino e o que pode agardar a afección celeste do técnico portugués.
O presidente do Celta (esquerda) acompaña a un Carlos Carvalhal que onte dirixiu o seu primeiro adestramento como adestrador celeste. (Foto: RC Celta).
photo_camera O presidente do Celta (esquerda) acompaña a un Carlos Carvalhal que onte dirixiu o seu primeiro adestramento como adestrador celeste. (Foto: RC Celta).

Envorcou a Chachoneta. Eduardo Coudet, o técnico que salvou o Celta na tempada 2020/21 e que fixo que a parroquia celeste recuperara unha alegría perdida desde a marcha de Eduardo Berizzo no verán de 2017 foi despedido, sendo o novo propietario do banco do conxunto olívico o portugués Carlos Carvalhal. 

Anunciamos en Nós Diario que de perder contra o Almería a pasada fin de semana Eduardo Coudet corría serio risco de ser destituído como técnico celeste, e así foi. A derrota por 3-1, aínda coa escusa dunha actuación arbitral desastrosa que prexudicou gravemente o cadro vigués, foi a última pinga que fixo desbordar o vaso da paciencia do presidente Carlos Mouriño, que agardou até o día de onte para cesar o seu décimo sétimo adestrador desde que se fixera co bastón de mando do club en 2006.

As cifras de sete derrotas, dous empates e tres vitorias, que deixan o Celta con un só punto de marxe sobre os postos de descenso a Segunda División, foron unha lousa demasiado grande para un preparador arxentino que foi renunciando progresivamente aos principios futbolísticos que defendía á súa chegada a Vigo, en novembro de 2020. 

Convertido a base de golpes -que murcharon o espírito vivo e ofensivo co que aterrou en Europa desde a liga arxentina-  nun técnico demasiado conservador que tamén evidenciou en numerosas ocasións non ter un 'plan B', sería inxusto dicir que a complicada situación da escuadra celeste é exclusivamente culpa súa, pois a directiva deixouno sen cinco titularísimos a pasada tempada e forneceuno cunhas fichaxes que partido a partido demostrou que non lle convencían. O caso máis estremo é o do sueco de 18 anos Williot Swedberg, que chegou a cambio de cinco millóns de euros coa bitola de ser o novo talento máis prometedor de Suecia e que até o de agora non disputou nin un só minuto, vendo como incluso o canteirán Pablo Durán entraba antes que el na rotación.

O Chacho, que recibiu o agradecemento do club, despediuse  entre bágoas pero non quixo facer sangue con esta "inesperada decisión" que recibiu na súa casa pola mañá da boca do director xeral, Antonio Chaves. Iso si, reflexionou sobre que o Celta é o conxunto "máis desarmado" con respecto ao pasado ano. Unha frecha lanzada ante directivos como Chaves, pero sen o presidente Mouriño. "Non quero leas nin fábulas", sentenciou para fechar etapa. 

Carvalhal, o escollido

O substituto do Chacho Coudet, como no seu momento o foi o arxentino, é un gran descoñecido para a afección, pois o portugués Carlos Augusto Soares da Costa Faria Carvalhal non conta con experiencia en ningún club da Liga, a pesar de que leva adestrando desde 1998 tanto no seu país como en Grecia, Turquía, Abu Dhabi ou Inglaterra.

A man detrás da súa chegada é a do asesor deportivo Luís Campos, que reforza o seu poder no Celta coa contratación do segundo adestrador luso na historia do club. O primeiro, Miguel Cardoso, apenas aguantou no cargo 14 xornadas na 2018/19, nas que tan só sumou 11 puntos sobre 42 posíbeis.

Máis agarda durar un Carvalhal que ofrecerá un fútbol moi diferente ao do seu predecesor. Tacticamente é moito máis flexíbel, condicionando a estratexia adoptada ás características do seu rival, polo que non será  raro ver que un día o Celta saia da partida cunha defensa de cinco homes e no seguinte opte por unha fórmula moito máis ofensiva, como un 3-4-3. 

Esa versatilidade foi o segredo do seu éxito no Sporting de Braga, co que finalizou o pasado verán un exitoso bienio no que conquistou a Taça de Portugal e alcanzou as finais da Supertaça e a Taça da Liga e os cuartos de final da Europa League.

Outra das chaves de Carvalhal -que na tarde de onte xa dirixiu o seu primeiro adestramento- será a súa aposta polos rapaces da base, algo case anatema para un Coudet que desde a súa incorporación só confiou con regularidade nos canteiráns cando non tiña máis opcións. Os casos máis paradigmáticos foron a circunstancial titularidade do porteiro Iván Villar en 19 partidos en 2021 polas lesións de de Rubén Blanco e Sergio ou o máis recente de Gabri Veiga, que non contaría co peso que adquiriu nas últimas semanas de non estar Denis Suárez marxinado pola súa guerra aberta co presidente Mouriño.

A chegada de Carvalhal non mudará en absoluto esta situación, polo que Gabri Veiga continuará contando con moitos minutos... a partir do segundo partido do portugués, pois o Comité de Competición oficializou onte a sanción dun encontro ao mediocampista galego pola pisada ao almeriense Robertone, un mal menor nunha xogada claramente involuntaria pero que, pola redacción do colexiado Del Cerro Grande na acta facendo énfase na intencionalidade, facía prever un castigo de polo menos dous choques.

Comentarios