O Celta cae eliminado da Copa en Baleares

Os vigueses, fóra do torneo do KO ante un conxunto da Primeira RFEF
A escuadra celeste leva sen pisar os oitavos de final desde o ano 2018 (Foto: Atlético Baleares).
photo_camera A escuadra celeste leva sen pisar os oitavos de final desde o ano 2018 (Foto: Atlético Baleares).

'Déjà vu' do Celta na Copa do Rei. Un ano despois da súa prematura eliminación ante o Ibiza, os vigueses volven caer ante un conxunto das Illas Baleares.

Nesta ocasión o verdugo celeste foi un Atlético Baleares que milita na Primeira RFEF, dúas categorías por debaixo da do conxunto olívico.

E iso que o Chacho Coudet apostou por un once no que destacaba a presenza de xogadores habituais na competición ligueira, caso de Ditur, Hugo Mallo, Murillo, Tapia, Denis Suárez ou Franco Cervi.

Lamentabelmente, iso non impediu que, contra prognóstico, os locais foran superiores durante practicamente todo o partido, adiantándose da man de Manel Martínez xa no minuto 17.

O empate de Brais Méndez no 67 parecía cambiar as tornas do encontro. Non obstante, menos de dez minutos despois o Atlético Baleares subiu o 2-1 definitivo ao marcador logo de que Martínez sacase petróleo coa súa testa dun bo centro de Canario desde a banda dereita, sentenciando un Celta que leva sen alcanzar a rolda de oitavos de final desde o ano 2018.

Comentarios