Fútbol

O Celta busca sumar a primeira vitoria da tempada no Estadio Montilivi

O Dépor perde unha das fichaxes que pretendía, Raúl Sánchez, que se decantou finalmente polo Castellón.
Iago Aspas e Óscar Rodríguez, no partido contra o Real Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera Iago Aspas e Óscar Rodríguez, no partido contra o Real Madrid. (Foto: Europa Press)

Despois de dúas xornadas ligueiras, o Real Club Celta aínda non puído sumar ningunha vitoria oficial na presente tempada. Un empate ante o Espanyol e unha dolorosa derrota ante o Real Madrid, ambos os partidos como local, son os dous resultados que acadou o Celta polo de agora.

O cadro dos de Eduardo Coudet competiu en ambos os partidos, pero os erros individuais en defensa e a falta de puntería de cara á portería impediron que os vigueses sumasen tres puntos nalgún dos dous choques ligueiros. Hoxe terán unha nova oportunidade ante o Xirona FC (20 horas), no Estadio Municipal de Montiliví, na que é a tempada de regreso do equipo catalán á Primeira División española. O conxunto dirixido por Míchel Sánchez vén de gañar precisamente ao Xetafe por tres goles a un, despois de comezar a liga perdendo 1-0 contra o Valencia CF.

Despois da marcha do dianteiro Santi Mina ao fútbol árabe, e coas situacións de Denis Suárez e Javi Galán sobre a mesa –o primeiro segue apartado por orde do presidente da entidade, Carlos Mouriño, e o segundo podería saír ao FC Barcelona por unha cantidade algo inferior aos 18 millóns de euros— o conxunto da cidade olívica e o seu adestrador pretenden obter unha vitoria que permita calar no terreo de xogo toda a marusía vivida nos despachos de Celta durante todo o verán.

O Dépor perde unha posíbel fichaxe

Pola súa parte, o Real Club Deportivo da Coruña segue atento ao mercado de fichaxes coa vista posta no seu gran obxectivo, o xogador do Cádiz CF Lucas Pérez.

Outros dos seus obxectivos, Raúl Sánchez, podería deixar de ser tal, xa que o xogador alcanzou a última hora desta quinta feira un acordo co CD Castellón. Mentres tanto, semella que o club branquiazul non debutará esta fin de semana na Primeira Federación. O seu rival, o DUX Internacional, non se presentará ao partido, segundo confirmou o seu técnico, Alfredo Santaelena.

Lugo recibe a visita de Leganés

Noutra orde de asuntos, na Segunda División estatal, o Club Deportivo Lugo atópase nunha situación ligueira semellante á do Celta. Após dúas xornadas, o equipo lugués suma un só punto na clasificación, obtido na cancha do CD Tenerife.

Na primeira xornada, os xogadores adestrados por Hernán Pérez caeron derrotados polo Albacete Balompé 1-2, nunha primeira toma de contacto que deixou malas sensacións. O sábado, ás 19.30 horas, o Ángel Carro vivirá unha nova oportunidade do Lugo de agasallar cos tres primeiros puntos aos seareiros albivermellos.

Comentarios