O Celta busca fechar a permanencia ao mesmo tempo que o Lugo xoga a súa enésima final da tempada

Casualidades do calendario, tanto celestes como albivermellos xogan o mesmo día e á mesma hora, mais isto é o único que teñen en común dous conxuntos instalados en dinámicas absolutamente contrapostas, pois os primeiros están virtualmente salvados mentres que os segundos necesitan os tres puntos.
Eduardo Coudet (Foto: Nós Diario).
photo_camera Chacho Coudet chegou a un equipo en postos de descenso e podería confirmar a salvación catro xornadas antes do final da Liga. (Foto: Nós Diario).

Os campionatos de Liga de Primeira e Segunda División encaran a súa fase final cos dous representantes da Galiza, Real Club Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo, instalados en escenarios ben diferentes.

Así, o conxunto celeste podería certificar matematicamente ante o Levante (sexta feira ás 21 horas) a permanencia na máxima categoría durante un ano máis, logo de deixala practicamente fechada a pasada semana tras o triunfo ante Osasuna. O seu colchón sobre a fronteira dos postos de descenso, que actualmente marca o Elxe con 30 puntos, é de 11 cando quedan tan só 15 en liza, incluíndo os de hoxe ante o conxunto granate.

Os levantinistas parecen unha vítima propicia para as intencións celestes, pois están inmersos nunha crise de xogo e resultados desde a súa eliminación a mans do Athletic de Bilbao nas semifinais da Copa do Rei, sumando tan só seis puntos dos últimos 24 en xogo e encadeando catro derrotas consecutivas, a peor xeira de resultados desde que o técnico Paco López se fixera cargo do segundo equipo con máis seguidoras na cidade de Valencia hai xa catro anos.

Con todo, esta teórica vantaxe  olívica sobre un conxunto en crise pode diluírse ante a conxura por reverter a situación feita por todos os estamentos da escuadra valenciana ao longo desta semana, que incluíu unha xuntanza entre o presidente Quico Catalán e o cadro de xogadores, na que o dirixente incidiu en que estaban rendendo "por debaixo do mínimo exixíbel".

Para o Lugo só vale gañar

Exactamente esa sensación de competir por debaixo do mínimo exixíbel é a que transmite o Lugo desde hai varios meses, concretamente desde finais de xaneiro, momento no que os albivermellos lograron a súa, até o momento actual, última vitoria no campionato.

O dianteiro Cristian Herrera, quen precisamente desde aquel afastado 23 de xaneiro ante o Tenerife tan só foi quen de converter un gol, agarda que sexan capaces de imporse (mañá ás 21 horas ante o Zaragoza no Ángel Carro) nun encontro que será o segundo de Rubén Albés no banco albivermello. "Eles teñen bos xogadores, pero temos que centrarnos nos nosos puntos fortes e débiles e manter a porta a cero, que é para o que estamos traballando", apuntou o atacante canario.

Herrera, ademais, resaltou que, a pesar da dramática situación que ocupa na táboa, o equipo ten "na man" a posibilidade da salvación, aproveitando para gabar o modo de traballar do novo preparador en contraposición ao seu predecesor, Luís César, e o gran cambio en eidos como a "intensidade" e a "competitividade".

A afección albivermella, entregada por completo á causa da salvación

Contrariamente ao que acontece na Segunda División B, o público non poderá estar presente no vital partido entre o Lugo e o Zaragoza no Ángel Carro, pois os equipos de Primeira e Segunda aínda non teñen autorizada a presenza de espectadores, nunha situación que semella que podería mudar logo da fin do Estado de Alarma, o vindeiro 9 de maio.

Lamentabelmente, daquela podería ser xa demasiado tarde para un Lugo que necesita máis que nunca o apoio dunha afección que decidiu materializalo nos adestramentos, chegando a pronunciar un discurso, megáfono en man, no que lembraron a xogadores e corpo técnico que toca "realizar unha fazaña para converterse en heroes para a xente de Lugo".

Comentarios