O Celta busca o desquite logo dunha xornada na que o Dépor sumou outra vitoria

A última xornada confirmou que Deportivo e Celta están instalados en dúas dinámicas ben diferentes, pois mentres que os coruñeses contan os seus partidos por vitorias, os de Vigo aínda non saben o que é sumar de tres en tres, aínda que este 21 de setembro ante o Levante poderían rematar coa negativa xeira de resultados.
Riazor congregou case 20.000 persoas para animar o Dépor, a maior cifra desde o comezo da pandemia. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Riazor congregou case 20.000 persoas para animar o Dépor, a maior cifra desde o comezo da pandemia. (Foto: RC Deportivo).

Xornada de contrastes no fútbol galego, con sorriso de orella a orella na Coruña tras sumar o Deportivo o cuarto triunfo consecutivo e xesto de preocupación na cidade olívica logo de que o Celta perdese o seu terceiro partido seguido.

Deste modo, a afección branquiazul, que tanto leva padecido na pasada década, e especialmente nos dous últimos anos, comeza a semana coa cabeza ben alta tras superar o Dépor ao Badaxoz por un gol a cero e ver como o seu é o único equipo das tres principais categorías do fútbol a nivel Estatal que conta os seus partidos por vitorias.

Ben diferente está a cousa polo sur da Galiza, pois a 'Chachoneta' semella envorcada logo de sumar en Balaídos a cuarta derrota da tempada ante unha escuadra teoricamente inferior como é o Cádiz (1-2). Con este resultado, os celestes igualan o seu peor inicio histórico na Primeira División, que se remonta á campaña 1981/82, na que o equipo acabaría descendendo á categoría de prata. 

Porén, se algo caracteriza o mundo do fútbol é que sempre ofrece unha nova oportunidade para o desquite, que no caso do Celta chegará este 21 de setembro, e máis concretamente ás 22 horas no campo do Levante. Igual que a viguesa, a escuadra valenciana aínda non sabe o que é a vitoria, polo que, esta vez si, os celestes están obrigados a gañar. 

O Lugo deixa escapar un punto de ouro

Non mellor sorte que o Celta correo o único representante galego na Segunda División, o Club Deportivo Lugo, que caeu na casa do Cartaxena (2-1) a pesar de adiantarse no marcador cun golazo de Manu Barreiro. Lamentabelmente, o veterano ex deportivista Rubén Castro demostrou que non perdeu nin un chisco da súa capacidade goleadora aos seus 40 anos, empatando no minuto 32 de penalti e materializando o gol da vitoria xa no 84.

O Celta B gaña na casa e o Rácing pincha fóra

O Celta B e o Rácing de Ferrol, representantes da Galiza na Primeira RFEF xunto co Deportivo, afrontaron dous choques teoricamente complicados ante Rácing de Santander e Estremadura, respectivamente, que o filial celeste superou con vitoria (2-1), mentres que os Diaños Verdes perderon a causa dun solitario tanto marcado, ironicamente, por un ex racinguista: Kike Márquez. 

Comentarios