Fútbol

PREVIA | O Celta busca o desquite a costa do Elxe

O fechacancelas pon a proba un conxunto celeste en horas baixas.
Aidoo (esquerda) e Carles Pérez (centro) regresan a unha convocatoria logo das súas lesións, pero a súa titularidade é unha incógnita. (Foto: LFP).
photo_camera Aidoo (esquerda) e Carles Pérez (centro) regresan a unha convocatoria logo das súas lesións, pero a súa titularidade é unha incógnita. (Foto: LFP).

Empates ante o Almería e o Sevilla e derrotas ante Espanyol e Real Madrid. No último mes o Real Club Celta de Vigo só foi quen de sumar dous puntos dos últimos 12 posíbeis, a súa peor xeira de resultados desde a chegada de Carlos Carvalhal ao banco celeste en novembro pasado, pero o choque desta cuarta feira (Balaídos, 22 horas) ante o fechacancelas Elxe é ideal para pórlle fin dunha vez por todas.

O conxunto ilicitano é o peor equipo da categoría, como acreditan os seus 13 puntos en 30 partidos, cifras que en combinación coas súas seis derrotas consecutivas no tramo decisivo da tempada -curiosamente, o mesmo número de adestradores que levan sentados no seu banco desde que arrancou a Liga- son sinónimo dun descenso a Segunda División que o Celta pretende evitar a toda costa.

A barreira que garante continuar na elite son 42 puntos -coa única excepción do Deportivo da Coruña na 2010/11, que baixou con 43-, e o Celta acumula 36 cando restan 24 por repartir, un obxectivo teoricamente doado que Carlos Carvalhal, como sinalou na rolda de prensa previa ao partido, non da por feito.

"Sabemos que o do Elxe non será un partido decisivo, pero si importante, porque necesitamos sumar", apuntou o preparador portugués, que engadiu que no vestiario teñen "o mesmo respecto" polos ilicitanos "que por todos os demais equipos".

Un equipo diferente ao do Santiago Bernabéu

Na recente derrota do Celta no coliseo branco, Carvalhal non puido contar con varios pesos pesados que agora regresan á convocatoria, casos de Hugo Mallo -sancionado- e os mancados Aidoo e Carles Pérez. Non obstante, revelou que os dous últimos aínda "non están ao 100%" e que decidirá antes do partido sobre a súa posíbel presenza no terreo de xogo.  

A lista tamén volve incluír o nome dos canteiráns Miguel Rodríguez e Fernando Medrano, aínda que ningún de ambos apuntan a unha titularidade que poderían ocupar Iván Villar; Hugo Mallo, Unai Núñez, Aidoo ou Tapia e Javi Galán en defensa; Beltrán, Gabri Veiga, De la Torre e  Carles Pérez no medio e Aspas e Seferović na punta de ataque.

Comentarios