PONSE LíDER

O Celta brilla en Balaídos e gáñalle por 3-0 ao Rayo

O Celta non puido ter unha mellor estrea en Balaídos. Cun Rayo tocado pola expulsión ao inicio do partido de Toño, o equipo de Berizzo deu unha lección de bo fútbol ante a afección viguesa.

[Imaxe: RRCV] Un momento do partido entre o Celta e o Rayo
photo_camera [Imaxe: RRCV] Un momento do partido entre o Celta e o Rayo

O equipo celeste comeza forte a temporada e colócase de líder tras o seu debut en Balaídos ante o Rayo. Cun inicio de encontro trepidante, a sorte púxose do lado do Celta ao minuto 9 do partido, cando Orellana lle pasou o balón a Wass e o danés foi derribado por Toño, meta madrileño, na área. O árbitro, o colexiado valenciano Martínez Munuera, non tivo dúbidas ante a xogada: expulsión do meta visitante e pena máxima a favor do Celta. Era Nolito quen transformaba o penalti e adiantaba o Celta no marcador.

A partir de entón, o equipo de Berizzo comezou a demostrar un bo fútbol que remataba en numerosas ocasións de Nolito e Aspas na área visitante. Porén, o esférico non lograba entrar entre os tres paus. O Celta marchaba para os vestiarios cun claro dominio no campo mais con falta de pegada..

Aos catro minutos da segunda parte, o equipo vigués logrou marcar o 2-0. Máis unha vez, obra de Nolito, que levou ao interior da rede un balón tras rebotar nun defensa madrileño. A partir de entón, a superioridade do Celta foi máis que evidente. As ocasións repetíronse e tras un saque de esquina, nunha xogada ensaiada, Fontás asinou o 3-0 a dous minutos de que rematase un partido que deixou moi boas sensacións e pegadas de bo fútbol.

R.C.Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Jonny (Planas, min.69), Augusto, Wass (Radoja, min.86), Orellana, Pablo Hernández (Guidetti, min.77), Nolito e Iago Aspas.

R. Vallecano: Toño, Nacho, Raúl Baena, Ze Castro (Amaya, min.24), Quini, Ebi, Bebé (Juan Carlos, min.10), Trashorras, Lloorente, Lass e Manucho (Miku, min.72).

Goles: 1-0, min.11: Nolito, de penalti; 2-0, min.49; Nolito; 3-0, min.88: Fontás.

Árbitro: Martinez Munuera, do comité valenciano. Expulsou Toño con  vermella directa (min.10) e amonestou Augusto, Jonny, Manucho.

Comentarios