O Celta bateu contra un Leganés que saldou co triunfo a súa estrea na elite

Mal comezo de campionato para a equipa de Berizzo. Nun partido disputado con certo ritmo de pretempada, os galegos pagaron a falta de puntería. O Leganés, no seu debut en Primeira, tirou tallada dunha acción de estratexia.

Celta-Leganés. 22 de agosto de 2016
photo_camera Orellana, co control da bola

O Celta puxo o xogo e as oportunidades. O Leganés, o gol no lanzamento dun córner. Tampouco sería xusto dicer que foi a única oportunidade da equipa debutante na máxima categoría do futebol estatal, en realidade o partido estivo por veces descontrolado, con certa fasquía de pasarrúas, o que sempre adoita beneficiar a equipa con menor capacidade para o manexo da bola, neste caso o Leganés.

Estaríamos a escreber outra crónica se esta segunda feira tivese sido o día de Iago Aspas, mais o de Moaña non acertou co marco, coa baliza contraria, nun par de ocasións, como tampouco estivo atinado Orellana. Ben, en realidade Aspas si fixo unha diana, no minuto 36, nunha das súas características arrancadas por potencia e velocidade, o problema é que o árbitro viu na acción fóra de xogo. Foi o único ser humano en Balaídos que viu tal cousa.

Celta: Sergio Hugo Mallo, Sergi Gómez, Jonny, Marcelo Díaz (Señé, min.78), Wass (Pablo Hernández, min.66), Sisto, Orellana, Bongonda e Iago Aspas (Guidetti min.66).

Leganés: Serantes, Bustinza, A. Marín (Machís 62’), Mantovani, A. Martín, Gabriel, Rico, Víctor Díaz, Unai López, Timor (Sastre, min.81) e Guerrero (Insua, min.72).

Goles: 0-1, min.75: Víctor Díaz.

Árbitro: Munuera Montero, do comité andaluz. Cartóns amarelos polo Celta a Hugo Mallo, Roncaglia, Pablo Hernández e Iago Aspas; e polo Leganés a Marín. Expulsou Timor, do Leganés, cando, após ser sustituído, xa non estaba sobre o céspede.

Campo: Balaídos. 17.000 espectadores.

Comentarios