O Celta B salva a honra do fútbol galego na xornada futbolística

O filial celeste suma o único triunfo nas tres principais categorías.
O capitán, Iago Aspas, foi o autor do tanto que lle serviu ao Celta para obter un vital triunfo pola mínima (0-1) en Montilivi a pasada tempada. (Foto: La Liga).
photo_camera Iago Aspas marcou, pero saíu mancado da acción do gol (Foto: La Liga).

Non foi a pasada a mellor das xornadas para os equipos que conforman a elite do fútbol galego, pois dos cinco representantes da Galiza nas tres principais categorías tan só un, o Celta B, foi quen de facerse cos tres puntos.

O filial celeste, que milita na Primeira RFEF xunto co Deportivo e o Rácing de Ferrol, superou unha escuadra histórica como é a Cultural Leonesa grazas a un tanto materializado por Alfon xa no primeiro minuto de partido. Con todo, os rapaces dirixidos por Onésimo Sánchez non se limitaron a aguantar o resultado o resto do partido, senón que tiveron ocasións -especialmente da man de Holsgrove e do propio Alfon- para aumentar a distancia no electrónico do Reino de León.

Menos efectividade tiveron tanto Rácing como Dépor no derbi  galego da fin de semana, pois nun partido gris, totalmente condicionado polo medo a perder e o respecto mutuo, nin un nin outro foron quen de rachar o cero a cero inicial.

A única excepción foi o tanto de Nathan para os Diaños Verdes nos minutos finais, pero a pesar das protestas de público e xogadores locais o colexiado non dubidou en anulalo por falta sobre o branquiazul Jaime.

O Lugo aspira a ser o rei do empate

O mesmo resultado que ferroláns e coruñeses obtivo o único galego na categoría de prata, o Club Deportivo Lugo, que logo do 0-0 ante a Unión Deportiva Ibiza xa suma 10 táboas e ameaza o trono de monarca do empate que até agora ocupa o Real Zaragoza (11).

O problema é que, co sistema de puntuación que outorga tres puntos por vitoria e que está vixente no fútbol español desde 1995, ese título de rei do empate non só non garante unha boa posición na táboa, senón que pode levar a caer nos postos de descenso, dos que os albivermellos están separados por tan só tres puntos.  

KO técnico do Celta

O Celta de Vigo deixou escapar ante o Valencia (1-2) unha vitoria que por momentos parecía segura ante un equipo que non coñecía o que era sumar de tres en tres fóra de casa desde o pasado mes de setembro.

E iso que a cousa non puido comezar mellor, pois Aspas adiantaba os do Chacho Coudet no minuto 11 no que sería un tanto envelenado, pois durante a acción do gol o de Moaña mancouse e abandonaría o partido pouco despois, o que condicionou por completo un Celta desnortado.

Comentarios