Celta B, Fabril e Compostela xogarán a eliminatoria decisiva para ascender a Segunda B

O empate de santiagueses e vigueses e a derrota pola mínima dos coruñeses, todas a domicilio, permite que os tres equipos galegos disputen a final para subir á categoría de bronce.

 

Compos
photo_camera Compos

O alto nivel da Terceira galega volveu quedar claro esta fin de semana, cando Compostela, Celta B e Fabril superaron a segunda eliminatoria e gañaron así o dereito a disputar a definitiva nos próximos quince días, optando a facer un pleno de ascensos á categoría de bronce do fútbol estatal, posto que o Racing de Ferrol xa o conseguiu na fase de campións de grupo.

Non tivo ningún problema o Compostela, que o sábado confirmou o seu pase á rolda final cun empate 1-1 no campo do San Juan de Iruña que se engadiu ao 3-0 acadado unha semana antes en San Lázaro. A pesar da alto ritmo que impuxo o rival nos primeiros minutos buscando unha remonta imposíbel, foi Marcos Suárez quen adiantou aos santiagueses á media hora, deixando así finiquitada a eliminatoria.  

Un gol de Víctor resultou decisivo para que o filial do Deportivo fixera bo o 2-0 da ida e eliminase ao Tuilla asturiano após un 2-1 no mínimo e moi complicado campo da localidade mineira. Adiantáronse os locais pero un tanto do Fabril na recta final sentenciou a eliminatoria a pesar da vitoria final conseguida polo Tuilla.

Tamén acudía cun 2-0 ao seu favor o Celta B, que sufriu durante un pequeno treito do partido a domicilio contra o Mutilvera pero resolveu o pase cunha traballada e meritoria igualada a dous goles. Camucho marcou primeiro para os celestes pero os locais remontaron e se situaron cun 2-1 resultando decisivo o empate acadado polo xuvenil Taylor. Os vigueses, así como o Compos e o Fabril coñecerán o luns os seus rivais na eliminatoria decisiva para ascender a Segunda B.

Comentarios