O Celta aspira a prolongar a xeira de vitorias ante o galeguizado Alavés de Lúcas, Joselu e Jota

O Lugo quere aproveitarse da crise do Zaragoza no último partido de 2020 na Segunda 
A moral de Emre Mor está polas nubes logo de superar a lesión e do golazo anotado ante o Llanera. (Foto: RC Celta)
photo_camera A moral de Emre Mor está polas nubes logo de superar a lesión e do golazo anotado ante o Llanera. (Foto: RC Celta)

O Celta non para neste atípico Nadal ateigado de partidos. Apenas tres días despois de superar a primeira rolda da Copa do Rei ante a Unión Deportiva Llanera cun solvente 0-5, os do Chacho Coudet reciben en Balaídos o Deportivo... Alavés.

A escuadra celeste aspira a prolongar a súa magnífica xeira de resultados, que a levou a sumar 11 goles a favor e nin un só en contra nos últimos tres partidos que disputou ante un galeguizado Alavés que é, despois de Celta e Huesca, o conxunto da máxima categoría con máis xogadores do país nas súas filas. Será, polo tanto, un partido especial para dous ex celestes como Joselu e Jota, mais tamén para unha das últimas 'bestas negras' do Celta e antigo ídolo na Coruña, o dianteiro de Monelos Lúcas Pérez.

Unha das principais novidades no cadro celeste podería ser a presenza do díscolo pero xenial estremo turco Emre Mor. A lesión de Santi Mina no último encontro ligueiro, xunto coa escaseza de homes de ataque no cadro de xogadores, ábrelle as portas da titularidade a un Emre que estivo sensacional ante o Llanera, onde anotou un gol maxestoso que proba sobradamente do que é capaz cando quere.

Mais se alguén pode meter en cintura o internacional é Coudet, quen como xogador tiña unha actitude non moi diferente á de Emre Mor.

Obxectivo: 'play-off'

Pola súa banda, o Clube Deportivo Lugo ten no día de hoxe (21 horas) unha oportunidade de ouro para pescar en río revolto e volver de Zaragoza cos tres puntos, porque o histórico conxunto maño permanece instalado nunha crise a todos os niveis, que ameaza mesmo coa viabilidade do clube. 

No caso de conseguir os tres puntos os albivermellos poderían reengarcharse ao tren do 'play-off' de ascenso a primeira división, máis na filosofía de Mehdi Nafti non encaixa vender a pel do oso antes de cazalo.

O preparador franco-tunecino considera que, a pesar do penúltimo posto que ocupa na clasificación, é un equipo "serio, ordenado, con boas transicións e que chega coa motivación extra de ter un  novo adestrador, Juan Ignacio Martínez". Por todo iso renega de teóricos favoritismos e esixirá "o máximo grao de concentración" para evitar pasados tropezos como o acontecido ante o fechacancelas Alcorcón.

Os rivais dos equipos galegos na Copa do Rei

A Federación Española levou a cabo na xornada de onte o sorteo da segunda rolda da Copa do Rei, que deparou sorte dispar para os equipos galegos. Así, o Celta visitará o campo do Ibiza, o Lugo o do Girona e Dépor e Pontevedra recibirán Cádiz e Alavés, respectivamente. 

Comentarios