O Celta aspira a facer leña da árbore caída

O conxunto vigués quere espantar as pantasmas da zona baixa aproveitándose da debilidade dun Xetafe que só suma dous puntos en nove partidos. Pola súa banda, o Lugo, logo do triunfo ante As Palmas, aspira a consolidarse na metade da táboa a costa dun Málaga que tan só está a douspostos dos albivermellos.
Aspas -na imaxe, anotando ante os madrileños a pasada tempada- podería sacar petróleo da crise do seu rival e acabar coa súa seca goleadora. (Foto: Europa Press).
photo_camera Aspas -na imaxe, anotando ante os madrileños a pasada tempada- podería sacar petróleo da crise do seu rival. (Foto: Europa Press).

Oportunidade de oro para o Real Club Celta de dar un golpe enriba da mesa na Primeira División. O conxunto celeste visita na próxima segunda feira, 25 de outubro, o Coliseo Alfonso Pérez de Xetafe (21 horas) para enfrontarse cun equipo inmerso nunha fonda crise de resultados que o ten sumido nos postos de descenso desde a segunda xornada.

Fechacancelas con só dous puntos en nove partidos, a chegada de Quique Sánchez Flores ao banco azulón en substitución do destituído Míchel levounos a lograr un empate co Levante na última data ligueira, o segundo da tempada, mais a teórica superioridade do Celta, unida ás baixas por lesión de homes chave do Xetafe como Vitolo, Mata e Jankto fan dos galegos claros favoritos.

De conseguir o triunfo, os olívicos obterían dupla recompensa, pois ademais de despegarse da zona de descenso -da que está separado por só dous puntos- engancharíase ao tren da media táboa, o mínimo que se lle pode esixir a un equipo que, como ben salientou Brais Méndez en rolda de prensa, debe "loitar por máis cousas que a permanencia".

Pode, ser, ademais, o momento perfecto para que Aspas se reconcilie co gol e rematar dunha vez por todas co debate sobre a súa escasa efectividade cara á portería contraria que se produciu na contorna celeste nas últimas semanas. A pesar de que non é dos seus rivais predilectos, o astro de Moaña conta co aval do tanto que lle marcou no pasado mes de decembro de 2020, o primeiro en toda a súa carreira.

O Lugo quere repetir éxito 

Xa na categoría de prata, o Club Deportivo Lugo, sen apenas tempo para descansar logo da súa gran vitoria ante a Unión Deportiva As Palmas na pasada cuarta feira, salta hoxe ao céspede da Rosaleda de Málaga (20.30 horas) coa intención de aumentar a súa xeira de imbatibilidade, que alcanza xa os cinco partidos. 

A chave para saír adiante con éxito da -previsíbelmente- dura e competida batalla en terras andaluzas deuna o adestrador albivermello, Rubén Albés: "Traballar como romanos". "O equipo está cansado, como é lóxico, pero a cabeza move as pernas e elaboraremos o mellor plan posíbel para saír vitoriosos de Málaga", engadiu. De logralo, o Lugo daría un salto cualitativo na clasificación, onde actualmente ocupa a décimo primeira posición, mais a tan só dous puntos dos postos que dan acceso ao play-off de ascenso á Primeira División.

Duelo da 'outra Primeira' na terceira categoría

A antiga Segunda B, agora coñecida como Primeira RFEF, acolle mañá ás 12 horas un duelo máis propio da 'outra' Primeira, pois Rácing de Santander e Deportivo da Coruña  acumulan entre ambos 90 campañas na máxima categoría. Galegos e cántabros chegan empatados a 16 puntos na segunda e na terceira posición, respectivamente, polo que o perdedor podería saír moi prexudicado na loita que manteñen polo asalto ao liderado, que actualmente defende unionistas con 18 puntos. Porén, o técnico deportivista, Borja Jiménez, prefire arrefriar as augas e resta transcendencia ao duelo de históricos destacando que "será bonito de xogar, pero non marcará nin o seu futuro nin o noso".

Un pouco máis lonxe da zona nobre da táboa está o Celta B, aínda que cos seus 14 puntos podería dar o sorpasso se consigue superar, tamén no día de mañá ás 12 horas, a DUX Internacional, antepenúltimo clasificado.

Con todo, o primeiro en saltar á acción esta fin de semana na Primeira RFEF será o Rácing Club de Ferrol, que recibe na Malata outra escuadra cun pasado glorioso, a Cultural Leonesa, ás 21 horas da noite. Como no caso de Dépor e Rácing, chegan empatados a puntos, así que a igualdade e a emoción están garantidas.

Comentarios