O Celta asina unha obra mestra en Málaga, mentres o Dépor ofrece a súa peor cara en Tenerife

O Celta acertou con todas as teclas, o Dépor, con ningunha. No Celta sobresaiu o ferrolán Álex López, letal en ataque, quer no chut quer no xogo combinativo. No Dépor é difícil salientar a ninguén, se acaso a fluidez de Bicho, orfo de apoios.

Celta
photo_camera Os celestes festexan un gol

Que mellor maneira que un 0-5 na Rosaleda, perante unha equipa que puxera en serios apuros ao Madrid no Bernabeu, para pór fin a unha xeira de 7 encontros sen coñecer a vitoria. O Celta selou un dos seus mellores xogos en anos. Todo funcionou á perfección na equipa de Luis Enrique, que sumou o seu segundo trunfo lonxe de Vigo. Balaídos, que aínda non viu gañar os galegos, continúa a ser materia pendente.

No Celta a dupla galega formada por Álex López e Oubiña foi determinante para desequilibrar o choque, perante un Málaga que careceu de argumentos para frear a avalancha celeste.

Estamos ante un ponto de inflexión para os de Luis Enrique após mostrar todo o potencial que encerra o seu xogo? O treinador asturiano non quixo quitar peito e foi moi comedido nas súas declaracións. O seu discurso non se move: "A permanencia será moi difícil para nós".

A terza feira Balaídos agarda o Barcelona de Neymar e Messi.

Málaga: Willy Caballero, Jesús Gámez, Chen, Weligton, Antunes, Portillo, Camacho (Anderson, m. 46), Tissone, Duda (Pawlowsky, m. 65), El Hamdaoui (Morales, m. 46) e Santa Cruz.

Celta: Yoel; Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Aurtenetxe; Oubiña, Álex López (Madinda, m.74); Augusto (David, m. 77), Santi Mina (Orellana, m. 65); Nolito e Charles

Goles: 0-1, m. 5: Álex López; 0-2, m. 21: Augusto; 0-3, m. 64: Álex López; 0-4, m. 73: Nolito; 0-5, m. 81: Charles.

Mal o Dépor

Mal o Deportivo en Tenerife. Mal en todas as súas liñas. Mal en defensa, cedendo un novo gol a balón parado (quinto no que vai de liga). Mal no centro do campo, incapaz de filtrar balóns en condicións a Borja. Mal na punta, con Bastón e Luís Fernández incapaces de poren a proba nen unha soa vez a Roberto, o garda-redes do Tenerife que apenas traballou durante os 90 minutos.

Era un partido de risco, en realidade. Primeiro, pola baixa de Culio, o único futbolista que hoxe por hoxe é capaz de contaxiar intensidade á equipa, até o ponto de se acelerar en exceso, tamén é certo. Segundo, pola improbabilidade estatística de sumar un novo trunfo fóra de casa (ían 4 de 5 até visitar Tenerife). Era normal certo baixón nos desprazamentos. E certo baixón é suficiente para que unha equipa da zona baixa da táboa che mande para os vestiarios con cero pontos.

Se nos pomos positivos, podemos tirar algunha luz dalgúns lampexos de Bicho, ben no fútebol combinativo e sempre disposto a incendiar a área allea, e pouco máis. Juan Carlos voltou a desaproveitar unha boa ocasión para se reivindicar. No negativo, a decisión de Fernando Vázquez de ir a unha liña de cinco atrás cando a equipa xa ía perdendo.

Tenerife: Roberto, Bruno, Chechu (m. 55, Suso), Cristo Martín (m. 66, Iñigo Ros), Aridane, Carlos Ruíz, Aitor Sanz, Javi Moyano, Raúl Cámara, Ayoze (m. 86, Óscar Rico) e Rivero.

Deportivo: Lux, Laure, Insua, Alex, Manuel Pablo (m. 80, Antonio Núñez), Wilk, Juan Dominguez, Bicho (m. 66, Luís), Rudy, Juan Carlos (m. 66, Kaká) y Borja.

Goles: 1-0, m. 56: Carlos Ruiz; 2-0, m. 91: Aridane.

Comentarios