O Celta anuncia pretempada invernal

A escuadra celeste xogará contra Boavista, Vizela, Fulham e Brentford
Luís Campos, Mouriño e Carlos Carvalhal, posando antes da súa comparecencia (Foto: RC CeltA).
photo_camera Luís Campos, Mouriño e Carlos Carvalhal, posando antes da súa comparecencia (Foto: RC CeltA).

O presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño; o asesor deportivo, Luís Campos; e o técnico Carlos Carvalhal debullaron no día de onte toda a actualidade da escuadra olívica nunha comparecencia na que o máis salientábel foi a confirmación de que argallaron unha sorte de 'pretempada' invernal na que se enfrontarán con dous equipos portugueses (Boavista e Vizela) e outros tantos ingleses (Brentford e Fulham).

Tamén recoñeceu o Celta, por boca de Luís Campos, que o 'caso Denis Suárez' ten difícil resolución, pois o club "tomou a decisión de que non continúe e hai que respectala". "Penso que terá solución no mercado de inverno para que poida seguir coa súa profesión e que iso nos permita traer un xogador de perfil distinto que achegue máis variábeis", engadiu, recoñecendo que da marcha ou non do de Salceda dependen posíbeis chegadas.

Justo debuta cun empate marcado pola arbitraxe

O Club Deportivo Lugo estreou adestrador, Fran Justo, cun empate (1-1) co Levante Unión Deportiva, un equipo recentemente descendido e que ten como obxectivo o ascenso á Primeira División. Os albivermellos adiantáronse tan cedo como no 14 cun tanto de Sebas Moyano, pero os granotas subiron de novo as táboas ao marcador grazas a un penalti materializado por Campaña no 34. 

Nos intres finais de encontro o Levante tivo a opción de marchar de Lugo cos tres puntos se, tras unha revisión do VAR, o árbitro -García Verdura- non anulara un gol ilegal de Iborra.

Os equipos da Galiza non perden na Primeira RFEF'

Moi boa xornada dos galegos na Primeira Federación, onde o Dépor recuperou os postos de play-off tras superar o Fuenlabrada por 0-3 nunha gran actuación branquiazul. Tamén gañaron Celta B -que foxe da zona baixa tras vencer 1-2 o San Fernando- e Pontevedra, que sae do descenso após gañar ao fechacancelas Atlético Ceuta tamén por 1-2. O único que non sumou de tres en tres -e xa van seis semanas sen facelo- foi o Rácing de Ferrol, que empatou a un co Mérida.

Sólido triunfo do Deportivo

No referente ao fútbol feminino, o único conxunto do país nas dúas primeiras categorías, o Deportivo, goleou o Granadilla B por 4-0 e continúa axexando o liderado.

Comentarios