O Celta acorda cos xogadores a redución dos seus salarios

O equipo celeste pacta un unha baixada dos emolumentos dos integrantes do corpo técnico e dos xogadores do primeiro equipo e do filial, así como do resto de empregados con salarios que superen unha determinada cantidade que non se fixo pública.

celta
photo_camera Seareiras celestes nas bancadas de Balaídos (Foto: Nós Diario)

O Real Club Celta de Vigo pechou durante a xornada de hoxe un acordo de redución salarial cos integrantes do corpo técnico, os xogadores do primeiro equipo e do filial e co resto de empregados con salarios que superen unha determinada cantidade, que non se fixo pública, e entre os que se inclúen os servizos médicos e os directores do conxunto olívico.

O clube galego mostrouse “agradecido” ás súas empregadas e profesionais por “facilitar un acordo necesario para a entidade” e por “comprender e asumir a complicada situación económica” á que se viron abocados tras o cesamento de actividades motivado pola declaración do estado de alarma polo Goberno español para frear a Covid-19.

A directiva do Celta sinalou que a familia celeste demostrou “unha vez máis, un extraordinario grao de compromiso e, sobre todo, de unión e respecto a un escudo, a un clube, que ten unha masa social solidaria e exemplar que merece todos os esforzos posíbeis”.

Por outra banda o conxunto celeste incide en que continuarán “axudando” a unha sociedade “coa que o Real Club Celta sempre estará en débeda polo constante apoio que lle mostrou”, polo que seguirán “traballando sen pausa na posta en marcha de accións e iniciativas encamiñadas a colaborar coa sociedade nesta dura loita contra o coronavirus”.

Comentarios