venres 24/09/21

O Celta abrirá a Liga en Vigo ante o Atlético de Madrid

O sorteo depara un duro inicio de campionato 
Franco Cervi será a primeira fichaxe celeste na tempada 2021/22. (Foto: EP).
Franco Cervi será a primeira fichaxe celeste na tempada 2021/22. (Foto: EP).

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) fixo público o resultado do sorteo do calendario da Primeira División de fútbol, que deparou a estrea do único representante da Galiza, o Celta de Vigo, na fin de semana do 15 de agosto e na casa ante o vixente campión, o Atlético de Madrid.

Nun inicio moi duro, na segunda xornada visitará o sempre complicado campo de Osasuna, na terceira recibirá o Athletic de Bilbao e na cuarta terá que desprazarse até a capital do Estado para xogar ante o renovado Real Madrid de Carlo Ancelotti.

Para prepararse do mellor modo posíbel, o conxunto adestrado polo Chacho Coudet, recentemente renovado até o ano 2024, realizará unha concentración na localidade andaluza de Marbella. A expedición celeste desprazarase até un complexo deportivo entre o 11 e o 25 de xullo co obxectivo de recuperar o ritmo competitivo perdido durante estas semanas de inactividade.

Alí estará Franco Cervi, a primeira fichaxe do conxunto celeste para a inminente tempada 2021/22, logo de aterrar en Vigo esta cuarta feira, 30 de xuño, e pasar o recoñecemento médico. Féchase así un culebrón que se estendeu durante máis de medio ano, pois o arxentino xa estivo a piques de fichar polo Celta no pasado mercado de inverno. A falta de confirmación oficial, o volante firmará por cinco tempadas e as cifras que apuntan desde Portugal pola transferencia do actual xogador do Benfica roldan os 6 millóns de euros, cinco fixos máis outro en variábeis. 

Quen non estará en Marbella será o gardameta Iván Villar, mais por unha boa nova. Na que se pode definir como a mellor semana da súa vida deportiva, o novo gardameta, titular durante as últimas xornadas da pasada Liga a causa da lesión de Rubén Blanco, fechou a súa renovación até o vindeiro ano 2024, e apenas horas despois de facerse pública esta nova a RFEF anunciaba que integraría a listaxe de xogadores que conformarán a selección española de fútbol durante os Xogos Olímpicos de Toquio.

A posición de porteiro é unha das grandes incógnitas neste comezo de tempada, pois o atraso de Iván Villar na súa incorporación a causa dos Xogos, máis a lesión de Rubén, leva a pensar no imprescindíbel dunha incorporación de nivel para cubrir ese posto.

comentarios